A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de licitación para crear unha nova área verde na zona sur do Milladoiro

Plan Impulsa Ames - EDUSI

A Xunta de Goberno Local aprobou o 10 de febreiro o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado do contrato de obras para a xeración de percorridos ambientais de gran valor paisaxístico no Milladoiro, que estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O importe base de licitación ascende a 151.338,83 euros. Deste xeito, vanse crear dúas novas sendas peonís para pasear e facer deporte no monte que se atopa na contorna das rúas do Rego e da Costa Grande, e por debaixo do viaduto da AP-9. Tamén se vai mellorar o parque canino que esta situado nesta zona e crear un nova área deportiva cun circuíto biosaludable.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se integran neste plan é a creación dun nova área ambiental na zona sur do Milladoiro. Este proxecto executarase na zona boscosa que está próxima á rúa do Rego e da Costa Grande.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “deste xeito trátase de adaptar e mellorar os espazos verdes que xa existen no Milladoiro, para que poidan ser utilizados pola veciñanza desta localidade. Trátase da segunda fase do proxecto de acondicionamento de espazos verdes no Milladoiro, despois de acondicionar o parque verde central, que se atopa na zona norte do Milladoiro, xunto á zona de instalacións deportivas e culturais desta localidade”.

En dito entorno, vanse crear diferentes sendeiros co obxectivo de que sexan aproveitados tanto para facer deporte coma para andar e pasear por un entorno natural. Dito proxecto recolle a creación dun acceso á zona verde, a execución dunha praza, un edificio que servirá de punto de información e mailos circuítos e rutas saudables. No edificio disporase de información sobre os circuítos ambientais e biosaudables propostos. Disporá dun vestíbulo de acceso, un aseo accesible e un punto de atención ao público con mostrador de información.

Crearase dúas rutas: unha circular e outra que discorrerá cara os depósitos municipais de auga do Milladoiro. Para iso executaranse traballos de desbroce e limpeza dos camiños existentes e tamén se vai mellorar o seu firme. Ademais, vaise mellorar a área canina do Milladoiro que está situada nesta zona coa instalación de novos elementos de xogo para os cans (balancín, salto regulable en altura, plataformas, eslalon, etc). Cos novos elementos que se instalarán formarase un circuíto canino.

Por outra banda, vaise a crear unha nova área deportiva dotada dun circuíto biosaludable, que estará situada na zona de acceso aos circuítos ambientais. Dita área estará dotada de banco de abdominais, barra de equilibrio, barras paralelas, escaleira horizontal, banco de lumbares, etc. Coa creación de dita área trátase de ofertar unha nova zona onde facer deporte ao aire libre que se complementa cos circuítos peonís.

A concelleira Susana Señorís salientou “a importancia destas obras porque van a recuperar para o paseo e o deporte unha zona do Milladoiro que agora mesmo está moi pouco utilizada, e é necesario que o núcleo máis grande do concello conte con máis zonas de ocio e esparexemento”.

Este proxecto enmárcase entro do Obxectivo Temático 6 (OT6): preservación e protección do medio e fomento da eficiencia dos recursos. Concretamente esta actuación céntrase na rexeneración de solos degradados para o uso e desfrute da cidadanía.

Parque verde central do Milladoiro
Este proxecto súmase ao executado na zona norte do Milladoiro onde se mellorou o parque verde que está situado xunto á zona de instalacións deportivas, Casa da Cultura e IES. Deste xeito, creouse medio quilómetro de novas sendas peonís; acondicionáronse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalouse un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias; 2 mesas de tenis de mesa; un novo mobiliario urbano (8 bancos e mesas), 14 papeleiras e 2 fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantou nova vexetación, 35 carballos, 9 abeleiras e enredadeiras en 9.500 metros cadrados.

O obxectivo deste proxecto foi gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e áreas de xogo nunha superficie de 12.000 metros cadrados de extensión. Este proxecto foi adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 130.706 euros.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: “El proyecto de zona verde en el sur de O Milladoiro entra en fase de licitación

El Correo Gallego: “Aproban o expediente de licitación para a nova zona verde de Milladoiro