A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do contrato de servizo para a redacción do proxecto, dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns

Plan Impulsa Ames - EDUSI

A Xunta de Goberno Local aprobou, o pasado xoves 5 de agosto, a adxudicación do contrato de servizo para a redacción do proxecto, dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns. A redacción do proxecto foi adxudicada a CIGA Gabinete de Ingeniería SL. por 28.801,23 €. Estes traballos intégranse no marco do programa operativo de crecemento sostible 2014-2020, cofinanciado ao 80% con fondos EDUSI Impulsa Ames e ao 20% polo Concello de Ames.

O Concello de Ames está a apostar pola mellora da eficiencia enerxética nas súas instalacións. En base á auditoría enerxética da iluminación pública municipal, realizada no ano 2019, o Concello de Ames vai renovar a iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns (vías, sendas peonís, paseos, parques, etc) adaptándose á normativa existente e tentando mellorar cualitativamente os aspectos da calidade lumínica, factores de cegamento e a contaminación lumínica.

Con ese obxectivo, a Xunta de Goberno Local do pasado 5 de agosto adxudicou á empresa CIGA Gabinete de Ingeniería SL a redacción do proxecto, dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns polo importe de 28.801,23 € . A empresa redactará un proxecto que comprenda as actuacións de mellora de eficiencia enerxética na iluminación pública de Bertamiráns con detalle suficiente para a súa execución, de acordo ao exposto no prego de condicións técnicas e os requirimentos do Concello; será unha reforma integral, que actualice as instalacións existentes e incremente a eficiencia enerxética das mesmas, permitindo ao concello optimizar os recursos, tanto económicos como humanos.

O contrato “Redacción do proxecto, dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns (Ames)”  ten encaixe na liña A6, “Programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos”, da estratexia  DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo  Plurirregional de España – FEDER (en diante  POPE-FEDER)

Así mesmo, cabe sinalar que a presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.