Adxudícanse as obras para a renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns por un importe de 437.511 euros

Plan Impulsa Ames - EDUSI

O pasado 21 de xullo a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do contrato de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Dita actuación foi adxudicada á empresa Ferrovial Construcciones SA por un importe de 437.511,85 euros (IVE incluído). A actuación principal é a substitución de 940 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. Ademais, levarase a cabo a reforma dun cadro de mando e a instalación de 6 novos. Esta actuación contribuirá a reducir o consumo enerxético do municipio, buscando a eficiencia na xestión enerxética das infraestruturas e equipamentos públicos.

Despois de analizar a situación actual da iluminación pública do núcleo de Bertamiráns, obtense que esta é ineficiente e o seu estado non é o correcto, debido, fundamentalmente, a factores de cegamento altos, elevada contaminación luminosa de alta intensidade, defectos nas conexións a terras, réximes de iluminación moi altos en varias zonas, atc. Así mesmo, unha boa parte dos elementos que compoñen as instalacións existentes son antigos e ineficientes.

En concreto, actualmente os 940 puntos de luz sobre os que se actuará son luminarias con lámpadas de vapor de sodio alta presión, LED, haloxenuros metálicos e vapor de mercurio e potencias de 250 W, 150 W, 125 W, 80 W e 50 W que non cumpren co regulamento de eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación exterior, e os centros de mando dos que se alimentan atópanse nun estado de conservación deficiente, non cumprindo co regulamento electrotécnico de baixa tensión (REBT). Así mesmo, a cualificación enerxética das distintas instalacións é deficiente, non alcanzando en ningún caso o nivel A.

Por este motivo, o Concello de Ames considera necesaria unha reforma integral, que actualice as instalacións existentes e incremente a eficiencia enerxética das mesmas, permitíndolle ao Concello optimizar os recursos, tanto económicos como humanos, dedicados ás mesmas. En concreto, as actuacións previstas pódense clasificar en dous grupos: substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED e reforma da instalación eléctrica.

Para poder executar este proxecto, o pasado 28 de abril a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado do contrato de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Agora, unha vez rematado o proceso de licitación, vén de adxudicarse dito contrato á empresa Ferrovial Construcciones SA por un importe de 437.511,85 euros (IVE incluído). Está previsto que o contrato teña unha duración aproximada de oito meses dende a sinatura da acta de replanteo. Polo tanto está previsto que dita actuación se execute durante os últimos catro meses deste ano e o primeiro cuadrimestre de 2023.

Resultados que se agardan

Os resultados esperados que se pretenden alcanzar coa operación son:

– A mellora da eficiencia enerxética.

– A redución da contaminación lumínica.

– A redución do consumo de enerxía final en infraestruturas públicas.

– A implantación de solucións integradas en eficiencia enerxética.

– A redución anual de gases efecto invernadoiro (GEI).

O contrato “Renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns” ten encaixe na liña A6, “Programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirrexional de España – FEDER, axustándose ás categorías de intervención ás que haberá que atribuír o gasto da operación.

Características do contrato

A actuación principal é a substitución de 940 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. As novas luminarias dispoñerán de driver pre-programado para redución de fluxo de maneira automática de forma temporizada unha vez activada a orde de aceso das instalacións.

Ademais, levarase a cabo a reforma dun cadro de mando e a instalación de 6 novos. Esta actuación contribuirá a reducir o consumo enerxético do municipio, buscando a eficiencia na xestión enerxética das infraestruturas e equipamentos públicos.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: “Renovarán por 437.500 euros el alumbrado de Bertamiráns

El Correo Gallego: “Ferrovial substituirá 940 luminarias convencionais por LED en Bertamiráns

Enfoques: “Adjudicada por 437.000 euros la renovación de la iluminación en el núcleo urbano de Bertamiráns