Adxudícase o contrato para o desenvolvemento dunha plataforma web e móbil que permita promocionar o comercio local de Ames

Plan Impulsa Ames - EDUSI

Na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado xoves, 22 de decembro de 2022 adxudicouse o contrato de servizo para o desenvolvemento dunha plataforma web e móbil que permita promocionar o comercio local do concello de Ames que estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no  marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Tras a implantación de aplicacións informáticas que permiten a xestión de espazos, xorde a demanda da posta en valor dos recursos existentes no comercio local de Ames. Neste contexto, co obxectivo de aproveitar o potencial que ofrecen as novas tecnoloxías para conseguir unha maior eficiencia na xestión dos recursos públicos, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do contrato de servizo para o desenvolvemento dunha plataforma web e móbil que permita promocionar o comercio local do concello á empresa Astibot ingeniería informática robótica domótica SL por un importe de 12.801,80 euros (IVE incluído).

O contrato terá unha duración de 10 meses contados a partir do día seguinte ao da formalización do mesmo en documento administrativo. Non obstante, aos 6 meses da firma do contrato a empresa adxudicataria deberá presentar o desenvolvemento web e a app móbil.

A concelleira de Promoción Económica e responsable da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Ana Belén Paz, explica que “esta actuación contribuirá a favorecer a integración e o acceso ao comercio local en igualdade de condicións de todas as persoas que residen no municipio, así como a aproveitar o potencial que ofrecen as novas tecnoloxías para conseguir unha maior eficiencia na xestión dos recursos públicos e mellorar o acceso aos servizos públicos a través das TIC”.

O contrato “Desenvolvemento dunha plataforma web e móbil que permita promocionar o comercio local do concello de ames” ten encaixe na liña LA2, “Plan de aplicación das NTIC´s á xestión eficiente dos recursos municipais e a prevención de riscos.”, da estratexia EDUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirrexional de España – FEDER (en diante POPE-FEDER), axustándose ás categorías de intervención ás que haberá que atribuír o gasto da operación.

Características do contrato
A versión web estará dispoñible tanto para as tendas e comercios do concello de Ames que se adhiran ao programa como para os/as cidadáns para consultar e interactuar cos comercios rexistrados.

Ademais, atendendo ao perfil socioeconómico do concello de Ames requírese desenvolver unha aplicación móbil operativa nos sistemas IOS e Android que permita aos veciños do concello establecer relacións directamente co comercio local rexistrado na web do Concello, permitindo a elaboración de pedidos para entrega a domicilio ou para recoller no local. Esta App móbil dispoñerá as mesmas funcionalidades que a versión web en modo cidadán.

Deste xeito, as empresas e comerciantes do concello de Ames poderán rexistrarse na web para ofrecer os seus produtos á cidadanía quen, ao tempo, poderá comprar e realizar pedidos en liña directamente desde o móbil.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: “El comercio minorista de Ames tendrá una aplicación para ventas ‘online’