Adxudícase o proxecto de acondicionamento do novo parque verde central do Milladoiro incluído no Plan Impulsa Ames da EDUSI

Plan Impulsa Ames - EDUSI

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación  do proxecto de acondicionamento das zonas verdes no Milladoiro, que se atopan xunto a zona de instalacións deportivas (pavillón, pistas deportivas, piscina descuberta, etc), Casa da Cultura e instituto. Este proxecto, que foi adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 130.706 euros, está incluído no Plan Impulsa Ames, que se enmarca dento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) do Concello de Ames. Dito proxecto está financiado con fondo europeos FEDER.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Dito plan está cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Un dos proxectos que se van executar é o acondicionamento do novo parque verde central do Milladoiro. Este proxecto foi adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 130.706 euros.

A través deste proxecto preténdese acondicionar as zonas verdes do Milladoiro que están xunto á zona de instalacións deportivas (pavillón, pistas deportivas, piscina descuberta, etc), Casa da Cultura e instituto. O obxectivo é gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e areas de xogo. Nesta actuación, que abarca unha superficie de 12.000 metros cadrados de extensión, vaise reordenar o espazo para mellorar as zonas verdes do Milladoiro.

Deste xeito, crearanse medio quilómetros de novas sendas peonís; acondicionaranse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalarase un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias; instalaranse 2 mesas de tenis de mesa; novo mobiliario urbano (8 bancos e mesas), 14 papeleiras e 2 fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantará nova vexetación (35 carballos e 9 abeleiras) e plantaranse enredadeiras en 9.500 metros cadrados.

Ademais, acondicionarase e ordenarase o espazo verde da zona alta do Milladoiro que está conectado, a través dunhas escaleiras e unha rampla accesible, coa Travesía do Porto, que foi urbanizada 2018 e na que se investiron 245.993 euros. Nesta mesma zona tamén se fixo unha rehabilitación das pistas polideportivas e da piscinas descubertas, construíuse un parque infantil accesible, instaláronse diferentes elementos biosaudables, e construíuse un anfiteatro e un parque de calistenia para á mocidade.

Senda peonil ata a zona baixa do Milladoiro
A intención do goberno municipal é potenciar este novo parque verde central do Milladoiro, xa que a zona urbanística cara onde ten que medrar de forma natural esta localidade amesá. Isto é o que segundo o propio Goberno se está tratando de facer no Milladoiro. Deste xeito nunha segunda fase vanse a investir preto de 90.000 euros de fondos europeos FEDER, para unir a través dun senda peonil, o novo parque verde central coas zonas verdes situadas na parte baixa do Milladoiro, na contorna das rúas do Rego e da Costa Grande.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que con esta actuación financiada con fondos europeos FEDER “permitirá gañar 10.000 metros cadrados de novas zonas verdes no Milladoiro. O novo parque verde central do Milladoiro vai a dar continuidade a zona onde xa está instalada a zona deportiva e educativa do Milladoiro. Vai permitir crear unha área de esparexemento e ocio para a mocidade que estará dotada das actuais pistas polideportivas, parque infantil accesible, anfiteatro para a mocidade e o parque de calistenia. Deste xeito preténdese fomentar hábitos saudables entre á mocidade que nesta zona poderán practicar deporte e gozar do seu tempo de ocio”.