Adxudícase o servizo de redacción de proxecto, dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde para a creación dunha améndoa central no núcleo de Bertamiráns

Plan Impulsa Ames - EDUSI

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar, o pasado 30 de decembro de 2021, o servizo de redacción de proxecto, dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde para a creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns. Esta actuación enmárcase dentro da EDUSI Impulsa Ames e está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (FEDER) nun 80% e o no 20% restante polo Concello de Ames. Dito servizo foi adxudicado a empresa Estudio Técnico Gallego SA por un importe de 53.152,76 euros.

Facer do núcleo de Bertamiráns un espazo atractivo, configurar un espazo de uso maioritariamente peonil ou crear espazos que favorezan o paseo eses son algúns dos obxectivos da humanización que o Concello de Ames quere levar a cabo no núcleo de Bertamiráns coa creación dunha améndoa central. Para conseguilo a Xunta de Goberno Local vén de adxudicar o servizo de redacción de proxecto, dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde de dito proxecto. Trátase dun paso máis nunha das actuacións máis ambiciosas que están recollida na EDUSI Impulsa Ames.

O obxectivo é crear un eixe que vertebre todo o núcleo urbano de Bertamiráns a través da peonalización de rúas e da creación dun espazo cidadá que favoreza o paseo, as actividades comerciais e de ocio sen o uso do vehículo particular. A delimitación da améndoa central de Bertamiráns e as actuacións proxectadas para o espazo viario formarán parte dunha estratexia integrada e integral que pretenderá incidir, de forma coordinada, en aspectos sociais, económicos e demográficos que contribúan a unha cidade máis competitiva, máis intelixente e máis equilibrada territorial, social e ambientalmente, permitindo así a todo o municipio avanzar cara a un futuro máis sostible.

Proxecto de humanización de Bertamiráns
A améndoa central de Bertamiráns medirá preto de 16 hectáreas e comprende o entorno da intersección da avenida da Maía coa avenida da Peregrina (oeste), a travesía da Peregrina e a avenida J.L. Azcárraga (norte), Camiño Novo, travesía do Lodeiro e paseo fluvial (este) e as rúas Agrelo e Alcalde Lorenzo (sur).

Con esta delimitación preténdese configurar un espazo de uso maioritariamente peonil que englobe importantes puntos de atracción da poboación como son a Casa Consistorial, o Pazo da Peregrina ou a praza da Maía. Ademais, permitirá o acceso a pé a outros puntos de interese coma o parque do Ameneiral, os centros educativos ou os establecementos comerciais. O ámbito tamén contará cunha importante bolsa de aparcamento público.

Deste xeito, preténdese que esta améndoa se converta nun gran espazo cidadá no que se dea prioridade aos percorridos a pé ou en bicicleta. As liñas xerais das actuacións propostas están encamiñadas ao incremento do espazo peonil e a implantación de sentidos únicos de circulación e a supresión de bandas de aparcamentos nas rúas do Ameneiral, rúa Entrerríos, Agrelo, travesía na confluencia coa avenida da Maía e coa travesía da Peregrina.

Revitalización dos núcleos de centralidade do municipio
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (FEDER) nun 80%, dentro do Programa Operativo Plurirexional de España 2014-2020. Asemade enmárcase dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible, EDUSI Impulsa Ames, polo que está cofinanciada polo Concello de Ames nun 20%.

Enmárcase na liña A8, “Programa para a revitalización e valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirrexional de España–FEDER. Ademais, está vinculado coa implementación doutras liñas de actuación que contribúen a alcanzar conxuntamente outro dos obxectivos estratéxicos da EDUSI Impulsa Ames como son: “Asegurar a anclaxe da poboación xuvenil do concello, poñendo á súa disposición espazos atractivos para o ocio e a cultura” dotando ao núcleo urbano de Bertamiráns de espazos que o fagan atractivo.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, responsable deste proxecto dentro da EDUSI Impulsa Ames, destaca que “xa demos o primeiro paso para que a creación dunha améndoa central no núcleo de Bertamiráns sexa unha realidade”. Ademais engade “teremos un espazo cidadán que favoreza o paseo, actividades comerciais e de lecer, espazos de centralidade no núcleo, que os faga atractivos para o paseo, as compras e o lecer veciñal, que sexa útil como punto de encontro e relación coa veciñanza e sexa, ademais, un motor comercial e de desfrute do concello”.

Humanización do Milladoiro
O Goberno municipal de Ames vén traballando tamén na humanización do outro gran núcleo do concello, tal e como é o caso do Milladoiro. Para poder acometer a necesaria actuación de mobilidade e sostenibilidade da avenida Rosalía de Castro o concello encargou un anteproxecto no que se recolle a redución de dous carrís na N-550 e a ampliación das beirarrúas e dunha mediana con máis árbores e vexetación. Para acometer este proxecto estase a traballar co Ministerio de Infraestruturas para intentar lograr o financiamento necesario, xa que estamos a falar dunha cantidade que supera os 8 millóns de euros.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: Ames encarga el proyecto para humanizar Bertamiráns y busca fondos para el de O Milladoiro

El Correo Gallego: “Estudio Técnico encargarase do deseño da nova améndoa peonil para Bertamiráns