Alberto Reques del Río e Diego Penche Pérez son os arquitectos gañadores do concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do centro multidisciplinar do Milladoiro

Plan Impulsa Ames - EDUSI

Hoxe, ás 12.30 horas, realizouse un acto público no salón de plenos da Casa do Concello no que se coñeceron os/as gañadores do concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do centro multidisciplinar do Milladoiro. Dito acto tamén se puido seguir de xeito telemático. O xurado ditaminou que a proposta gañadora é a dos arquitectos Alberto Reques del Río e Diego Penche Pérez. Eles serán os encargados da redacción do proxecto e da dirección de obra. O edificio que se construirá estará dedicado a un centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica. Estará dirixido á mocidade e a persoas en proceso de inserción socio-laboral para favorecer a inclusión social e a loita efectiva contra a discriminación.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Un dos proxectos que se van executar é a creación e dotación dun centro de ocio, cultura e promoción económica no Milladoiro. Esta actuación enmarcase no Obxectivo Temático 9 para promover a inclusión social e loitar contra a pobreza.

Este proxecto ten un orzamento total de 1.200.000 euros, dos cales 960.000 euros serán sufragados con fondos europeos e os 240.000 euros restantes serán fondos propios municipais. O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, xunto ao parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a Igrexa do Milladoiro.

Este centro entenderase como un espazo de convivencia, de intercambio, colaboración e formación da mocidade do municipio e debe pór á súa disposición, actividades e servizos adecuados ás súas necesidades e intereses. Ademais, o centro usarase tamén como espazo de reunión de diferentes colectivos de Ames (ANPAS, asociacións culturais, colectivos desfavorecidos, grupos musicais ou asociacións deportivas).

O obxectivo que se pretende con esta actuación é poñer a disposición da mocidade e das persoas en risco de exclusión social un espazo de convivencia, de intercambio, colaboración e formación, así como crear un espazo que favoreza a inclusión social e a loita efectiva contra a discriminación.

Dotación de espazos e equipamentos
O centro dotarase dos espazos e equipamentos que sexan necesarios co obxectivo de dispor de instalacións adecuadas: recepción; oficina de información e asesoramento xuvenil (OMIX); patio exterior; aula taller; espazo creativo; auditorio; sala de lectura; sala 4.0; salas de reunións; aseos; sala deportiva/baile; unha sala de ensaios musicais; etc.

Asimesmo, será un requisito que o espazo teña capacidade para albergar despachos ou salas de formación totalmente equipados para os colectivos máis desfavorecidos, de forma que os cursos de emprendemento ou talleres de emprego poidan levarse a cabo nestas instalacións.

Doutra banda, acondicionarase a contorna inmediata do centro, dotándoo de aparcadoiro, zonas verdes con árbores e espazos de descanso con iluminación e mobiliario urbano que permitan o seu uso nos meses de verán como área de lecer urbano.

Concurso de ideas
Para a construción de dito centro decidiuse realizar un concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción conxuntamente co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). Unha vez finalizado dito concurso, este mércores 20 de xaneiro, deuse a coñecer a proposta gañadora nun acto público realizado no salón de plenos da Casa do Concello, que tamén se puido seguir de forma telemática.

En dito acto participaron o presidente do xurado e concelleiro de Administración Xeral do Concello de Ames, Víctor Fernández; a secretaría que corre a cargo de persoal funcionario do servizo de Contratación do Concello de Ames; os arquitectos Alberto Redondo Porto e Luís Gil Pita, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que actúan como vogais; o arquitecto representante dos concursantes elixido por maioría que é Carlos Quintáns Eiras, e maila a arquitecta do Concello de Ames, Marta Bellas, que actúa tamén como vogal.

Gañadores/as do concurso
Deste xeito, o xurado ditaminou que a proposta gañadora é a dos arquitectos Alberto Reques del Río e Diego Penche Pérez. Recibirán como premio 20.000 euros que forman parte da contraprestación polos traballos de redacción e dirección de proxecto. O segundo premio recaeu en Iván Lozano Pereira, que foi premiado con 6.000 euros. O terceiro premio dotado con 3.000 euros foi para Juana María Sánchez Gómez, Diego Jiménez López e Jorge Salguero Ropero. Por último, outorgáronse dous accésits dotados de 500 euros cada un. O primeiro accésit foi para Carlos A. Pita Abalo e o segundo para Pilar Cano-Lasso Carretero.

O xurado tivo que valorar unhas 140 propostas que foron as que se presentaron a este concurso de ideas. Finalmente, a proposta gañadora obtivo un total de 91 puntos. A segunda mellor proposta obtivo 83 puntos e a terceira 73. Os dous accésits son para a cuarta mellor proposta que tivo 71 puntos e para a quinta mellor proposta que conseguiu 68 puntos.

Características do proxecto gañador
O proxecto gañador ten como obxectivo xerar un espazo que vaia máis alá do concepto tradicional de centro cultural e xuvenil, para converterse nun centro dinámico, social e cultural para a veciñanza amesá. A proposta dispón de dous elementos fundamentais: por un lado un gran espazo público, que se desenvolve na totalidade da parcela, con espazos que poden albergan diferentes actividades ao aire libre; e por outro un edificio compacto e estratificado en catro plantas onde se van a desenvolver os usos propios do centro multidisciplar.

A liberación do plano do chan permite a este edificio gañar altura e erixirse como un referente urbano, que busca ser un lugar de atracción e reunión para a veciñanza do Milladoiro e de todo Ames. No seu interior terá espazos moi versátiles e flexibles, definidos tan só polas súas cualidades ambientais (lumínicas, térmicas, visuais, etc). Estas cualidades varían ao longo dos tres estratos que compoñen o proxecto, ao igual que as súas condicións materiais.

O centro multidisciplinar divídese en tres estratos que forman catro plantas incluíndo a planta baixa da praza. En todas elas pódese atopar un elemento ou núcleo central que alberga de forma concentrada as instalacións, servizos e comunicacións verticais. Este núcleo, por razóns de necesidades de soleamento e vistas ao exterior situase na zona norte, deixando un espazo con respecto á fachada no que se atopan as escaleiras que comunican o segundo e terceiro estrato.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia:  “El multiusos de O Milladoiro estará construido sobre pilares para aprovechar todo el terreno

El Correo Gallego: “Diseñan un cubo de cuatro pisos en Milladoiro como sede de su multifuncional

Compostela 24Horas: “Alberto Reques del Río e Diego Penche Pérez serán os artífices do centro multidisciplinar para O Milladoiro”