Ames terá un novo aplicativo de Administración Electrónica

Plan Impulsa Ames - EDUSI
A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar a empresa ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL, por 168.696,56 euros, o contrato de servizos para o deseño e implantación da Administración Electrónica. O orzamento base da licitación era de 181.394,15 euros, polo que a empresa adxudicataria rebaixou este importe en 12.697,59 euros. O Colexio profesional de enxeñería informática emitiu un informe de valoración dos pregos técnicos presentados no concurso de licitación de Administración electrónica. A empresa ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL obtivo unha cualificación de excelente na valoración realizada polo técnico de dito Colexio, Fernando Suárez Lorenzo.

O pasado ano procedeuse á aprobación en Xunta de Goberno Local do expediente de licitación do servizo para o deseño e implantación da Administración Electrónica, que facilite o cumprimento das obrigas derivadas da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas, onde se designou como organismo técnico especializado para valorar os proxectos técnicos presentados ao Colexio Oficial de Enxeñeiros Informáticos.

O proceso de licitación posto en marcha polo Concello de Ames busca asentar a Administración electrónica, a través dunha nova plataforma que dea cabida ás múltiples necesidades que na actualidade non teñen cobertura. A actual plataforma implantada anos atrás está deseñada para Concellos de menor número de habitantes e o exponencial crecemento poboacional de Ames exixe unha plataforma individualizada para dar cobertura ás necesidades actuais e de aí que se destinen preto de 170.000 euros para unha nova plataforma de xestión con sede electrónica para o cidadán.

O Concello xa puxera en marcha no ano 2010 o proxecto Tramit@mes a través de fondos do Plan Avanza do Ministerio. No ano 2012 non se xustificaron os requisitos exixidos por parte da Administración e en sentenza firme do ano 2016 houbo que devolver os máis de 250.000 euros de dito proxecto, lastrando a implantación dunha nova plataforma. Dende o actual goberno municipal entendeuse prioritario esta aplicación e por medio do Plan Impulsa Ames, financiado en parte con fondos europeos FEDER, púxose en marcha esta nova licitación que na primeira tentativa quedou deserta ao non ter, as empresas presentadas, os requisitos que se solicitaban nos pregos. Nesta segunda tentativa que se abriu o pasado 11 de abril, resólvese agora cunha importante baixa no prezo e co cumprimento dos requisitos fixados, tanto técnicos, como de formación.

O pasado 9 de maio, a empresa adxudicataria presentou a documentación, e ao longo destes meses obtívose a memoria de valoración dos requisitos técnicos que elaborou o Colexio de enxeñeiros informáticos e que conclúe que a empresa ADD4U presenta a máxima puntuación nos apartados de organización, equipo e metodoloxía, así como no Plan de mantemento, soporte e evolución. No apartado de Plan de transferencia a empresa obtivo unha puntuación de 2 puntos sobre 4.

Ampla experiencia do equipo proposto
No informe técnico destaca a detallada definición de tarefas e compromisos, que quedan claramente definidos nos traballos a desenvolver. Neste aspecto, baséase tamén na realidade de que o proceso de mellora e optimización da forma na que traballan as organizacións non finaliza, aplicando o concepto de mellora continúa polo que seguirá proporcionando ideas de mellora, novas versións e funcionalidades, durante todo o proxecto e tras finalizar o mesmo, para permitir á organización e non quedar estancada, senón seguir avanzando e mellorando no camiño da excelencia e a eficiencia na xestión, obxectivo proposto polo goberno municipal.

Tamén destaca a ampla experiencia do equipo proposto e con contrastados expertos en administración electrónica e transformación dixital, do mesmo xeito, a súa implicación en proxectos semellantes, garante a experiencia necesaria para asegurar que o proxecto do Concello de Ames se execute coas máximas garantías de éxito.

Unha vez finalizado o proceso de licitación, a Xunta de Goberno Local vén de adxudicar a empresa ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL, por 168.696,56 euros, o contrato de servizos para o deseño e implantación da Administración Electrónica. No presente mes de agosto asinarase o contrato coa empresa para comezar a planificación dos traballos de implantación e formación do novo aplicativo. Un proceso longo que cambiará a forma de traballo interna do persoal do Concello e que permitirá un maior seguimento dos expedientes, ademais de habilitar novos procesos de comunicación e notificación aos usuarios. A plataforma de xestión terá un novo portal de acceso para o cidadán con múltiples procesos de xestión e unha carpeta cidadá onde cada veciño ou veciña poderá facer un seguimento dixital da súa solicitude, reclamación ou expediente.

Esta actuación enmárcase dentro do programa operativo de crecemento sostible 2014-2020, cofinanciado ao 80% con fondos europeos FEDER e que se enmarca dentro do Plan Impulsa Ames da EDUSI, e ao 20% polo Concello de Ames e complementa a posta en marcha do novo portal web do Concello de Ames.

Para o alcalde, Jose Miñones, a mellora e modernización dos servizos municipais “ven sendo unha prioridade desde que estamos no goberno e por elo seguiremos dando pasos nesta mesma liña. A partir do próximo trimestre comezarán a ser visibles os cambios que afectarán tanto á veciñanza como ao persoal do Concello, na procura de facilitar o día a día de ambos colectivos. É unha satisfacción dar cumprimento deste novo paso que busca impulsar a Ames na aplicación das novas tecnoloxías”.

Noticias relacionadas:

El Correo Gallego: “Ames consigue adjudicar su administración electrónica”

La Voz de Galicia: “Ames adjudica la implantación de su nueva administración electrónica”