As obras de acondicionamento do parque verde central do Milladoiro, incluído na EDUSI Impulsa Ames, están rematadas

Plan Impulsa Ames - EDUSI

O alcalde, Blas García, e a concelleira Susana Señorís visitan as obras do parque que se atopa xunto á zona de instalacións deportivas, Casa da Cultura e IES. Este proxecto, que se enmarca dentro da EDUSI Impulsa Ames e é cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no  marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, ten como principal obxectivo dotar dunha zona verde O Milladoiro, o núcleo máis grande do Concello.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se integran neste plan é o parque verde central do Milladoiro. Este proxecto foi adxudicado á empresa CYS HISPANIA SL por un importe de 130.706 euros.

Tras meses de execución, o parque abriu as súas portas. O alcalde de Ames, Blas García, acompañado da concelleira, Susana Señorís, e da arquitecta municipal, Marta Bellas, visitou o parque verde central para coñecer o resultado final dos traballos levados a cabo e valorar a súa execución.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “abrir esta zona verde, que xa existía pero estaba moi descoidada, é moi importante para os e as veciñas do Milladoiro porque cobre unha das demandas históricas que é a de contar con espazos verdes, de paseo e ocio. Esperamos que sexa a primeira de outras zonas que se abran no Milladoiro para que a poidan desfrutar a xente de aquí e doutros lugares”.

Ademais, Blas García engadiu que: “aquí fíxose unha actuación importante con fondos europeos, valorada en máis de 100.000 euros. Seguiremos a traballar para que este espazo verde se consolide como o lugar do Milladoiro onde as persoas maiores e a mocidade desfrute das súas tardes de lecer”.

A concelleira Susana Señorís salientou: “creemos que vai ser unha zona de esparexemento, tanto para as crianzas como para maiores. Está moi preto de zonas de ocio como as piscinas municipais, a Casa da Cultura ou o pavillón. Ademais, esta zona vai servir de enlace coa de nova expansión do Milladoiro e creemos que este será un novo espazo de desfrute para todas as persoas, sobre todo, para a mocidade, que neste Concello somos moitos. Agardamos que sexa para todos e todas un sitio moi agradable”.

Novidades nas zonas verdes do Milladoiro
O obxectivo deste proxecto é gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e áreas de xogo nunha superficie de 12.000 metros cadrados de extensión.

Deste xeito, creouse medio quilómetro de novas sendas peonís; acondicionáronse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalouse un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias; 2 mesas de tenis de mesa; un novo mobiliario urbano (8 bancos e mesas), 14 papeleiras e 2 fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantou nova vexetación, 35 carballos, 9 abeleiras e enredadeiras en 9.500 metros cadrados.

Ademais, acondicionouse o espazo verde da zona alta do Milladoiro que está conectado, a través dunhas escaleiras e unha rampla accesible, coa Travesía do Porto, que foi urbanizada en 2018 e na que se investiron 245.993 euros. Nesta mesma zona tamén se fixo unha rehabilitación das pistas polideportivas e das piscinas descubertas, construíuse un parque infantil accesible, instaláronse diferentes elementos biosaudables, e construíuse un anfiteatro e un parque de calistenia para á mocidade.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional España 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo  de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Concretamente, está incluído no Obxectivo Temático 6 da  EDUSI Impulsa Ames, orientado a «Preservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos» e enmárcase na liña de actuación “LA 8.  Programa para a revitalización e valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: “Concluyen las obras del parque verde central de O Milladoiro

Revista AmesGo: “Rematadas as obras do parque verde central do Milladoiro

Compostela 24Horas: “Rematan as obras de acondicionamento do parque verde central do Milladoiro