O Concello de Ames dá un paso máis no asentamento da Administración electrónica coa impartición da formación entre o persoal municipal

Plan Impulsa Ames - EDUSI

O Concello dá un paso máis no asentamento da Administración electrónica coa posta en marcha dunha nova plataforma que dará cabida ás actuais necesidades do municipio e habilitará novas canles de comunicación para os usuarios e usuarias. Un novo portal de acceso para o cidadán con múltiples procesos de xestión e unha carpeta cidadá onde cada veciño ou veciña poderá facer un seguimento dixital da súa solicitude, reclamación ou expediente, son algunhas das vantaxes que ofrece a nova plataforma. Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Está previsto que o día 1 de xullo os traballadores e traballadoras do Concello comecen a traballar a través da nova plataforma de Administración Electrónica. Con este obxectivo, o persoal municipal recibiu formación esta semana: o martes 16 e o xoves 18, entre as 16:30 e as 18:30. A formación impartiuse vía on line e de xeito presencial para todos aqueles traballadores e traballadoras que non teñan dispoñibilidade de medios para acceder desde a casa. Previamente, no mes de decembro do 2019 realizáronse xornadas informativas sobre o proceso e durante o período especial púxose a disposición do persoal formación on line.

Ata de agora, deseñáronse usuarios e circuítos que se incluíron na nova ferramenta, e o programa instalouse xa nos ordenadores do concello. Está previsto que, unha vez que se active a ferramenta, se revisen e se deseñen procedementos á medida das necesidades de cada departamento e das funcións de cada traballador. Ademais, a súa implantación cambiará o xeito de traballo interno do persoal do concello, facilitando un maior seguimento dos expedientes que estea a tramitar a veciñanza.

A plataforma que vai deixar de funcionar forma parte do proxecto de Administración electrónica da Deputación provincial da Coruña. Foi posta a disposición dos concellos da provincia, e en Ames leva implantada dende o ano 2013. Está deseñada para Concellos de menor número de habitantes. O exponencial crecemento da poboación de Ames exixiu poñer en marcha unha plataforma que permitise un deseño a medida das necesidades de tramitación de cada departamento do Concello e que permitirá a optimización dos procedementos administrativos. Esta é a causa de que se destinen preto de 170.000 euros para unha nova plataforma de xestión con sede electrónica para o cidadán.

Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Está cofinanciada ao 80% con fondos europeos FEDER, e ao 20% polo Concello de Ames. Ademais complementa a posta en marcha do novo portal web do Concello amesá.

O proxecto de contrato de servizos para o deseño e implantación da nova Administración Electrónica adxudicouse á empresa ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL, por 168.696,56 euros. O orzamento base da licitación era de 181.394,15 euros. A empresa adxudicataria rebaixou este importe en 12.697,59 euros. O Colexio profesional de enxeñería informática emitiu un informe de valoración dos pregos técnicos presentados no concurso de licitación de Administración electrónica, obtendo ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL. unha cualificación de excelente. A valoración avalouna coa súa firma o técnico de dito Colexio, Fernando Suárez Lorenzo. Suárez valorou moi positivamente “la detallada definición de tareas y compromisos de la compañía, con gran experiencia en proyectos semejantes”.

Concepto de mellora continúa
No informe técnico destaca a detallada definición de tarefas e compromisos que quedan claramente especificados nos traballos a desenvolver. Este aspecto baséase na realidade de que o proceso de mellora e optimización, do modo no que traballan as organizacións, non finaliza, e aplica o concepto de “mellora continúa” de xeito que seguirá proporcionando ideas de mellora e novas versións e funcionalidades, durante todo o proceso e tras a finalización do mesmo. Isto permitirá que a organización non quede estancada e que continúe avanzando e mellorando no camiño da excelencia e a eficiencia na xestión, obxectivo a prol do que traballa o goberno municipal. O informe tamén destaca a ampla experiencia do equipo proposto, que conta con contrastados expertos en administración electrónica e transformación dixital, e a súa implicación en proxectos semellantes, aspecto este que aporta o necesario para asegurar que o proxecto do Concello de Ames se execute cos máximos garantes de éxito.

En definitiva, o informe ditamina que a empresa ADD4U presenta a máxima puntuación nos apartados de organización, equipo e metodoloxía, así como no Plan de mantemento, soporte e evolución.

Antecedentes
O Concello xa puxera en marcha no ano 2010 o proxecto Tramit@mes, a través de fondos do Plan Avanza do Ministerio. No ano 2012 non se xustificaron os requisitos exixidos por parte da Administración e en sentenza firme do ano 2016 houbo que devolver os máis de 250.000 euros de dito proxecto, lastrando a implantación dunha nova plataforma.

Dende o actual goberno municipal entendeuse como prioritaria esta aplicación e por medio do Plan Impulsa Ames, financiado en parte con fondos europeos FEDER, púxose en marcha esta nova licitación que na primeira tentativa quedou deserta ao non ter, as empresas presentadas, os requisitos que se solicitaban nos pregos. A segunda tentativa, que se abriu o 11 de abril do ano 2019 resolveuse cunha importante baixa no prezo e co cumprimento dos requisitos fixados, tanto técnicos, como de formación.

O 9 de maio do ano pasado, a empresa adxudicataria presentou a documentación, e ao longo destes meses obtívose a memoria de valoración dos requisitos técnicos que elaborou o Colexio de enxeñeiros informáticos e que conclúe que a empresa ADD4U presenta a máxima puntuación nos apartados de organización, equipo e metodoloxía, así como no Plan de mantemento, soporte e evolución. No apartado de Plan de transferencia a empresa obtivo unha puntuación de 2 puntos sobre 4.