Comezan as obras da segunda subfase da améndoa central de Bertamiráns que afectan á avenida da Maía

Plan Impulsa Ames - EDUSI

O Concello de Ames informa de que comezaron as obras da segunda subfase da améndoa central de Bertamiráns. Ditos traballos executaranse nun tramo da avenida da Maía. Para evitar cortar o tráfico e mailo paso dos peóns, os traballos vanse executar primeiro nunha parte do tramo afectado da avenida da Maía e despois na outra metade da avenida. De xeito simultáneo continúan as obras na praza da Maía. Debido a ditas obras houbo que reubicar os contedores de residuos e mailas paradas do transporte metropolitano e transporte escolar. Tamén se prohibiu o aparcamento nas marxes do tramo afectado de dita avenida. Preme nesta ligazón para descargar o díptico informativo de dito proxecto.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos máis importante que se vai a executar é a creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns, que será un espazo público de calidade no que se lle dará prioridade ás persoas, pero sen prohibir o tráfico rodade de vehículos. Actuarase en seis rúas e dúas prazas en tres fases distintas de execución. Converterase nun grande espazo cidadán no que se dean todas as facilidades aos percorridos a pé e en bicicleta e se dinamicen as actividades comerciais e de ocio. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo explicativo deste proxecto.

Esta actuación é unha das boas prácticas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable (EDUSI), Impulsa Ames, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Con esta actuación o Concello abordará as principais dificultades e desafíos que xorden ao amparo do crecemento físico experimentado polo municipio nas últimas décadas. Este novo espazo público de calidade ten un triplo obxectivo: convidar a que os percorridos cotiáns da poboación se realicen a pé; proporcionar unha boa comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes; e contribuír á dinamización da economía local.

As actuacións acometeranse sobre o sistema viario xa existente, pensado e proxectado nun inicio dende a perspectiva do automóbil, pero reverterán esta situación en favor do tráfico peonil e ciclista, de xeito que a améndoa central se converta nun grande espazo cidadán no que se dean todas as facilidades aos percorridos a pé e en bicicleta e se dinamicen as actividades comerciais e de ocio.

Obras da segunda subfase do proxecto
As obras comezaron a finais do pasado mes de xaneiro na praza da Maía. As primeiras actuacións en dita praza foron na parte máis próxima a avenida da Maia e foron avanzando cara a Travesía da Peregrina. Agora de xeito simultáneo ás obras que se están executando na praza vanse executar os traballos no tramo da avenida da Maía que discorre entre a rotonda que dá acceso á avenida da Peregrina e o cruce coa rúa Alcalde Lorenzo.

Para evitar cortar o tráfico e mailo paso dos peóns, os traballos vanse executar primeiro nunha parte do tramo afectado da avenida da Maía e despois na outra metade da avenida. De xeito simultáneo continúan as obras na praza da Maía. Debido a ditas obras houbo que reubicar os contedores de residuos e mailas paradas do transporte metropolitano e transporte escolar. Tamén se prohibiu o aparcamento nas marxes do tramo afectado de dita avenida. As actuacións continuarán pola Travesía da Peregrina, na parte que está ao carón da praza da Maía.

Dende o Concello de Ames informan que se tratará de minimizar as molestias ocasionadas polas obras, pero será inevitable que haxa algunha alteración que afecte ao tráfico de vehículos e peonil. Preme nesta ligazón para descargar o bando informativo sobre as obras da segunda subfase da améndoa central de Bertamiráns.

Deste xeito comunícase que:
-Os accesos aos portais e negocios non se verán afectados. Haberá paso para os peóns de xeito permanente.
-Reubicaranse os contedores de residuos para unha zona próxima.
-A parada do bus metropolitano moverase para unha zona habilitada máis adiante.

Fases da obra
A primeira fase de dita actuación contempla traballos na praza e na avenida da Maía, así como na rúa Alcalde Lorenzo. Deste xeito, trátase de crear un espazo público que lle dea continuidade á praza da Maía sobre a avenida da Maía e a rúa Alcalde Lorenzo ata a praza do Concello, incrementado o espazo peonil e promovendo a convivencia co vehículo en condicións de seguridade. Esta primeira fase estase executando en varias subfases para tratar de minimizar as molestias tanto á veciñanza como á circulación do tráfico rodado.

A segunda fase da actuación contempla as obras que se van executar nas rúas do Ameneiral e Entrerríos. A terceira e última fase afecta á Travesía da Peregrina e á rúa Rueiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: “Bertamiráns adecúa su travesía para primar al peatón

AMS GO!: “Amplíanse as obras da améndoa central de Bertamiráns