Comezan as obras para construír o centro multifuncional do Milladoiro

Plan Impulsa Ames - EDUSI

As obras de construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro comezaron a semana pasada. Deste xeito bota a andar un dos proxectos de maior envergadura da EDUSI Impulsa Ames, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O proxecto foi adxudicado á empresa Citanias Obras y Servicios SL por un importe de 1.305.453,52 euros. Preme nesta ligazón para descargar o dítico informativo de dito proxecto.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos máis importante que se vai a executar é a construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, que estará dirixido á mocidade e á inserción laboral e social de colectivos desfavorecidos do concello de Ames. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Citanias Obras y Servicios SL na Xunta de Goberno Local do pasado xoves 27 de outubro de 2022. O importe de adxudicación ascende a 1.305.453,52 euros. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo explicativo deste proxecto.

Esta actuación é unha das boas prácticas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable (EDUSI), Impulsa Ames, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Ten encaixe na liña A10 da estratexia DUSI Impulsa Ames, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España. Un dos principais obxectivos da EDUSI é a ancoraxe da xente nova no municipio, favorecendo que formen parte activa da comunidade a nivel recreativo, formativo e laboral.

O novo centro multifuncional do Milladoiro será un espazo público de calidade por dentro e por fóra. Construído baixo parámetros de eficiencia enerxética, funcionará como dinamizador cultural, económico e social, e albergará actividades útiles para a cidadanía, xerando o encontro e a interacción entre a veciñanza.

O edificio construirase na avenida Muíño Vello, nunha parcela de 4.669 metros cadrados. Unha ubicación que permitirá acoller as instalacións e amplas áreas verdes con zonas de aparcamento próximas. O deseño do edificio, sostido sobre piares, creará unha praza cuberta protexida da chuvia que posibilitará o seu uso en calquera época do ano.

O alcalde de Ames, Blas Garcia, destacou que “o centro multifuncional do Milladoiro vai a ser o gran referente do Concello de Ames para a formación, a atención, o ocio, etc. da mocidade e outras persoas”. Ademais engadiu que “o espazo onde se vai construír este novo edificio vai cambiar completamente. Xunto ao centro multifuncional tamén se está instalando unha pista de skate e outra de pádel. Ademais, o edificio estará rodeado de zonas verdes, que tanta falta fan no Milladoiro, con espazos diversos para reunións e encontros, ou simplemente gozar do aire libre. Ao mesmo tempo estanse realizando obras de urbanización desa rúa na que se vai a crear unha zona de aparcamento”.

Centro dinámico social e cultural
O centro multifuncional do Milladoiro terá unha superficie útil total de 520,61 m2. Este proxecto ten como obxectivo xerar un espazo que vaia máis alá do concepto tradicional de centro cultural ou xuvenil, para converterse nun centro dinámico social e cultural da comunidade, afianzando o sentido de veciñanza, e prestar así servizo á lectura, á aprendizaxe, ao ocio e á actividade comunitaria, atendendo especialmente as necesidades do sector máis novo da poboación. A execución pivotará sobre dous elementos principais. Por unha banda, crearase un grande espazo público na totalidade da parcela, con espazos para actividades e reunións espontáneas ao aire libre mentres se goza da paisaxe, en contacto coa natureza.

Pola outra, o propio edificio, que se erixirá como un referente urbano e un polo de atracción para os habitantes do Milladoiro. Ademais da praza cuberta baixo a construción, no interior haberá múltiples espazos flexibles e versátiles, que se adaptarán a calquera necesidade. No primeiro andar haberá unha zona de espera e descanso, unha zona de traballo e un espazo para entrevistas individuais, ademais de aseos, almacén e ascensor. Na planta alta atoparemos un espazo diáfano e polivalente, divisible en tres espazos menores para albergar múltiples actividades e envolto nun cerramento de vidro que ofrece vistas de 360º cara ao exterior.

Obxectivos do centro multifuncional
Coa creación deste novo centro multifuncional preténdese crear unha oferta de servizos e equipamentos que se axusten aos intereses e necesidades da poboación moza; xerar dinamismo económico que permita xerar e manter postos de traballo; desenvolver unha cultura emprendedora e asociativa, fomentar a cohesión social e a loita efectiva contra a discriminación; e colaborar en erradicar a pobreza.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.