19 Mar Habilítase un carril bici no sendeiro que discorre entre o CEIP Agro do Muíño e Bertamiráns
A localización dos colexios do concello de Ames na malla de camiños tradicionais de carácter rural que conforman o territorio e, por conseguinte, fóra dos núcleos principais do concello (O Milladoiro e Bertamiráns), preséntase como unha oportunidade para xerar novas vías de conectividade peonil e ciclable entre os núcleos menos densos do municipio que se achan en torno ao trazado dos camiños e os dous núcleos urbanos principais.
En concreto, a través do presente contrato procedeuse ao acondicionamento do carreiro que une o CEIP Agro do Muíño co centro de Bertamiráns, dotándoo dun carril para bicicletas que discorre de xeito paralelo á senda peonil xa existente entre o CEIP Agro do Muíño e mailo núcleo urbano de Bertamiráns. Esta actuación tivo un custe de 21.907,56 euros. Así, ao dar cobertura á necesidade de facilitar un modo alternativo ao vehículo de motor particular para acceder aos colexios do municipio, tamén se está solventando a necesidade de dotar de maior conectividade aos núcleos do municipio entre si.
Previamente, colocouse o sistema de alumeado público en dito carreiro. O acondicionamento da iluminación do sendeiro redunda na mellora da visibilidade, o que permite o acceso a pé e en bicicleta, así como facilita un modo alternativo ao vehículo a motor particular e, tamén, conséguese unha maior conectividade entre os núcleos do municipio. Este proxecto foi adxudicado á empresa Montaxes Eléctricos Fernández SL por un importe de 30.189,50 euros (IVE incluído).
Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.
A través destas actuacións conséguese unha mellora da mobilidade sostible; mellora da conexión entre as zonas escolares e os centros urbanos; mellora da accesibilidade; redución da pegada de carbono e das emisións de GEI do concello; redución do uso do vehículo particular; contribución á igualdade de oportunidades; e mellora na xestión do tráfico rodado.
Estas actuacións están incluídas no Obxectivo Temático 4 de Cambio Climático, da EDUSI Impulsa Ames, orientado a «Fomentar a transición cara a unha economía baixa en carbono en todos os sectores» e enmárcase na liña de actuación LA4, “Programa de creación dunha rede de sendeiros escolares, deportivos e recreativos que favorezan a conectividade a pé e en bicicleta”.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: “Ames estrena carril bici entre Agro do Muíño y Bertamiráns”
El Correo Gallego: “Habilitan un carril bici no sendeiro entre o Agro do Muíño e Bertamiráns“