Instálase un sistema de detección temperá de inundacións no rego dos Pasos para evitar enchentes en Bertamiráns

Plan Impulsa Ames - EDUSI

Este mércores, 29 de marzo, presentouse o sistema de detección temperá de inundacións que se executou no paseo fluvial de Bertamiráns. Concretamente instalouse unha estación de aforo no rego dos Pasos, afluente do río Sar. Dita actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, e dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames. Na instalación deste sistema realizouse un investimento total de 11.555,50 euros (IVE incluído). Permitirá dispor dunha monitorización do nivel do caudal en tempo real para tratar de evitar enchentes.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos que se executou nos últimos meses foi a instalación dunha estación de aforo no regos dos Pasos que permitirá a detección temperá de inundacións no paseo fluvial de Bertamiráns. Esta actuación foi executada pola empresa Prointega Ingeniería SL por un importe de 11.555,50 euros (IVE incluído).

No acto de presentación interviron o concelleiro da unidade executora da EDUSI encargado deste proxecto, Manuel Lens; o xerente de Prointega Ingeniería SL, Fernando Lema; e mailo alcalde de Ames, Blas García. Ademais, asistiron concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno e de partidos políticos con representación na Corporación municipal.

O concelleiro da unidade executora da EDUSI encargado deste proxecto, Manuel Lens, abriu a quenda de intervencións. Deste xeito, dixo que “esta estación de aforo é un innovador sistema de detección temperá de inundacións que nos permitirá coñecer, a tempo real, o nivel de caudal do río. Esa información será de vital importancia, xa que será a que nos guíe á hora de tomar decisións, e daranos un tempo precioso e moi valioso para anticiparnos e implementar as medidas necesarias para que as cidadás e os cidadáns de Bertamiráns no sufran molestias; para que as infraestruturas non se danen; e para que os inmobles non acumulen danos causados pola auga, ano tras ano. Ese é o noso labor como goberno municipal, e aí están centrados os nosos esforzos”.

Por outra banda, o xerente de Prointega Ingeniería SL, Fernando Lema, explicou que “o sistema consiste nun sensor de nivel que transmite os seus datos a un rexistrador, que a través dunha comunicación GSM os envía aos nosos teléfonos ou ordenadores. Componse dun panel solar e unha batería que lle permite ter autonomía. Notifícanos as variacións de nivel superiores a quince centímetros en 30 minutos, ou calquera nivel superior a un metro e medio. Con iso podemos adiantarnos a calquera continxencia que poida ocorrer”.

O proxecto céntrase na prevención
Pechou a quenda de intervencións o alcalde de Ames, Blas García. Dixo que “esta é unha das actuación cun dos importes máis baixos incluídas na EDUSI Impulsa Ames. Aínda así é un das actuacións máis importantes. Os que sodes de Bertamiráns dende sempre e os que pasábamos por aquí recordamos as famosas inundacións que se producían aquí. Afortunadamente solucionouse este problema coa construción do paseo fluvial de Bertamiráns que ademais lle dá moita vida a esta localidade”.

O rexedor municipal engadiu “o proxecto céntrase na prevención. En intentar anticiparnos ao que vai pasar, de aproveitar a última tecnoloxía, sustentable e respectuosa co ambiente, para actuar sobre el sen danalo, pero ao mesmo tempo protexendo as persoas e os bens materiais dos seus posibles efectos adversos. Con esta estación de monitorización de nivel e todos os seus equipos, que nos acaban de explicar, a sonda radar, os sensores, o sistema de comunicación, a carga solar autónoma para a súa alimentación…, disporemos de información a tempo real para saber como actuar, para anticiparnos e tomar as medidas axeitadas ante o risco de enchente”
.
“Para nós, como goberno municipal, esta inauguración non só supón o cumprimento dun compromiso e dunha responsabilidade, senón a satisfacción de darlle por fin a este lugar e aos seus habitantes a seguridade e as garantías para vivir con tranquilidade a carón do río, como un elemento amable e fonte de vida, o que realmente é, e non como unha ameaza”, explicou Blas García.

Sistema de prevención de inundacións
A actuación executouse no rego dos Pasos, no paseo fluvial de Bertamiráns, a ambas marxes da estrada AC-543. Dun lado colocouse un panel solar fotovoltaico e mailo armario de control do sistema, e doutro lado está o nivel de medición do caudal e maila sonda de nivel. É sistema de prevención de inundacións que proporciona unha alerta en zona de risco de enchentes. En caso de alerta actívase o plan de emerxencias municipal.

Trátase dun innovador sistema de detección temperá de inundacións que permitirá coñecer, a tempo real, o nivel de caudal do río. Este sistema permite dispor dunha monitorización do nivel do caudal en tempo real. Conta cun sistema de alimentación autónomo mediante enerxía solar e emprega unha tecnoloxía sustentable e respectuosa co ambiente.

Esta estación de aforo responde ao Plan de Xestión de Riscos de Inundación da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que recolle a declaración de 207 Áreas con Risco Potencial de Inundación. Con esta estación de monitorización de nivel disporase de información a tempo real para saber como actuar, para anticiparnos e tomar as medidas axeitadas ante o risco de enchente.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: “Bertamiráns estrena un sistema de detección para predecir los desbordamientos del río Sar

El Correo Gallego: “Blindan a las inundaciones el paseo fluvial de Bertamiráns con mediciones del río al minuto

Lindeiros: “Ames presenta un sistema de detección de inundacións en Bertamiráns