O Concello de Ames asina un convenio co COAG para o concurso de ideas do Centro da mocidade incluído no Plan Impulsa Ames financiado con fondos europeos FEDER

Plan Impulsa Ames - EDUSI
O alcalde de Ames, José Miñones, e o decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroñas, asinaron o convenio para desenvolver o concurso de ideas do Centro da mocidade, incluído no Plan Impulsa Ames da EDUSI, que está financiado con fondos europeos FEDER. O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, xunto ao parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a Igrexa do Milladoiro. Dito centro situarase na parcela EQ3, que está situada no sector S-16 Galdrachán, e que conta cunha superficie de 4.669,39 metros cadrados.

O Concello de Ames ten previsto construír un edificio para realizar funcións de centro multidisciplinar de lecer, cultura e promoción económica dirixido á mocidade e persoas en exclusión social. Este centro debe entenderse como un espazo multidisciplinar de convivencia, de intercambio, colaboración e formación. Ademais o centro usarase tamén como espazo de reunión de diferentes colectivos amesáns (ANPAS, asociacións culturais, colectivos desfavorecidos, grupos musicais ou asociacións deportivas). A Concellaría de mocidade de Ames e a OMIX disporán neste espazo dos seus despachos de traballo. Como centro de mocidade será importante dotalo e pór a disposición da xuventude amesá, actividades e servizos axeitados ás súas necesidades e intereses.

O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, xunto ao parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a Igrexa do Milladoiro. Dito centro situarase na parcela EQ3, que está situada no sector S-16 Galdrachán, e que conta cunha superficie de 4.669,39 metros cadrados, onde se delimitará o espazo necesario para albergar o edificio, as zonas verdes e o aparcamento. Dita parcela foi cedida en 2008 á Xunta de Galicia para construír no Milladoiro o parque comarcal de bombeiro. En marzo e 2018 o Goberno solicitou a reversión desta parcela que foi aprobado en Pleno por unanimidade.

Para a construción de dito centro decidiuse realizar un concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción. Dito concurso de proxectos contempla o pago de contraprestacións económicas aos concursantes finalistas en concepto de gastos pola elaboración de propostas e pola entrega das mesmas e a súa posta a disposición do Concello de Ames, por un importe máximo total de 30.000 euros. O primeiro premio (para o proxecto gañador) estará dotado de 20.000 euros; o segundo premio contempla 6.000 euros; e o terceiro premio dispón de 3.000 euros. Ademais, haberá dous accésits dotados de 500 euros cada un.

Quérese que o centro multidisciplinar da mocidade dispoña de varias instalacións como recepción; oficina de información e asesoramento xuvenil (OMIX); patio exterior; aula taller; espazo creativo; auditorio; sala de lectura; sala 4.0; salas de reunións; e aseos, pero o proxecto final será o que regule os espazos finais co que contará o edificio en base ao orzamento previsto que ascende a 1 millón de euros. Tamén se barralla a opción de que dispoña dunha sala deportiva/baile e unha sala de ensaios musicais.

Instalacións do Centro da mocidade
Na oficina de información e asesoramento xuvenil estará á técnica de mocidade do Concello de Ames con atención directa os días laborais. Deberá contar cun servizo especializado en asesoramento laboral e cun servizo especializado en orientación do estudante. O patio será un lugar aberto na planta baixa do edificio e que servirá como zona de encontro para reunións e charlas. Un espazo aberto pensado como zona de descanso ou de encontro e no que a mocidade poida interactuar abertamente. A Aula taller estará destinado a charlas formativas, cursos ou conferencias para os colectivos que o soliciten.

Tamén haberá un Espazo creativo que será unha plataforma e foro de expresión para artistas mozas/os e colectivos de interese xuvenil, dedicado a dar a coñecer distintos xeitos de creación artística: exposicións, pintura, fotografía, cómic, escultura, proxeccións audiovisuais…; e un auditorio: un espazo amplo e versátil que dispoña dun pequeno escenario para actuacións e usos diversos (teatro, mesas redondas e coloquios, concertos de pequeno formato, proxeccións, etc) con equipamento e mobiliario tipo butacas e con conexión á Internet e proxector dixital con pantalla.

Ademais, haberá unha sala de lectura; unha sala 4.0 (non debe entenderse este espazo como aula de informática, senón que debera estar pensado como unha sala de estar, para navegar cos seus propios portátiles, táblets ou móbiles mediante unha potente conexión WIFI, e con algún xogo, videoconsolas, etc, que propicien a asistencia e fomenten a convivencia entre os mozos/as da localidade); e salas de reunións (despachos de espazo reducido habilitados con mesa central e cadeiras para uso de mozos/as e asociacións de calquera ámbito municipal).

O Centro da mocidade debe ter unha zona ampla de aparcamento exterior. Ademais sendo un centro dirixido á mocidade, os exteriores do edificio deben contar cunha zona verde con árbores e espazos de descanso con mesas de pedra que permitan nos meses de verán o seu desfrute. Ademais a praza central de acceso ao edificio debe contar con bancos, luminarias, aparca bicicletas e elementos de ocio (ramplas skate, parkour, biosaudables..) de tal xeito que sexa un área máis de lecer onde poder estar cando o tempo así o permita. Será un requisito no concurso de ideas que o espazo teña capacidade para albergar despachos ou salas de formación para os colectivos mais desfavorecidos, de forma que os cursos de emprendemento ou obradoiros de emprego podan levarse a cabo nestas instalacións.

Financiamento
O Centro da mocidade terá un orzamento de 1 millón de euros e será sufragado a través da subvención de fondos europeos FEDER, concedida ao Concello de Ames para sufragar o Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da EDUSI. A contía da axuda ascende a 5 millóns de euros, pero será incrementada ata os 6.250.000 euros coa achega que terá que poñer o propio Concello a través de fondos propios.

Outros proxectos financiados a través deste fondo europeo son o Parque verde central do Milladoiro, cuxo proxecto está en redacción; a implantación da nova Administración electrónica, que está en licitación; a adquisición da aplicación de reserva de instalacións e actividades on line, xa en funcionamento; ou o Plan de mobilidade que será o seguinte dos proxectos que se desenvolverá para o estudio do transporte eficiente entre os núcleos de Bertamiráns e O Milladoiro.

Noticias relacionadas: