O Concello de Ames está máis preto do Plan de Mobilidade Urbana Sostible

Plan Impulsa Ames - EDUSI

O borrador do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Ames foi entregado o venres pola empresa encargada da súa redacción. O texto recolle a análise e o diagnóstico da situación actual de Ames no ámbito da mobilidade. A veciñanza pode consultar o contido deste borrador ata o 9 de agosto a través da web pmusames.gal ou premendo na seguinte ligazón.

Desenvolver un novo modelo de mobilidade ese é o obxectivo do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) posto en marcha pola concellaría de Mobilidade. O PMUS pretende sentar as bases dunha nova cultura en que as persoas sexan a prioridade e onde se revalorice o espazo público. Por iso o Concello de Ames leva meses inmerso na redacción do Plan de Mobilidade, o froito deses meses de duro traballo é o borrador que se presentou o venres.

O borrador detalla a recollida, a análise e o diagnóstico da situación actual de Ames no ámbito da mobilidade, así como os diferentes programas de actuación e o plan de seguemento. O PMUS é un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sostibles dentro do municipio, así como, mellorar a eficiencia e a sostibilidade do modelo de mobilidade, acadar un desenvolvemento urbano equilibrado, mellorar a seguridade e a calidade urbana e lograr un cambio nas condutas de mobilidade da cidadanía.

Paralelamente á entrega do borrador abriuse un período de participación pública de dúas semanas onde os cidadáns poderán consultar os documentos actualizados, os resultados e a información relativa ao plan a través da web pmusames.gal ou premendo na seguinte ligazón. O prazo para realizar a consulta remata o 9 de agosto.

Coa apertura deste período de información pública o que se busca é obter a valoración e a validación do Plan. Todas as suxestións e as alegacións recompilaranse nun informe que formará parte dos documentos finais do PMUS antes de que pasen a aprobación pública.

Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O servizo de redacción do PMUS está incluído dentro do Obxectivo Temático 4 de Cambio climático, da EDUSI Impulsa Ames, dirixido a “Favorecer o paso a unha economía de baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores”. Concretamente enmárcase na liña de actuación número 4: programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: “Ames somete a consulta vecinal el plan urbano de movilidad”

Revista AmesGO: “Avanza o Plan de Mobilidade Urbana Sostible