O Concello de Ames realiza unha enquisa de mobilidade para coñecer a percepción social do transporte urbano

Plan Impulsa Ames - EDUSI

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de publicar unha enquisa para coñecer a percepción social do transporte urbano. Este cuestionario trata sobre as pautas de mobilidade da poboación do concello de Ames, así como a percepción social que se ten sobre o transporte público en dito territorio. O obxectivo principal da enquisa consiste en analizar a viabilidade á hora de implementar o servizo de autobús municipal “Amesbus”. A participación da veciñanza é vital para o obxectivo do proxecto. Esta iniciativa enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Preme nesta ligazón para acceder á enquisa sobre o transporte urbano.

No pasado mes de setembro de 2021 foi presentado no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Ames. Trátase dun plan que pretende sentar as bases dunha nova cultura onde o peón se converta no principal protagonista e se relegue o uso do transporte privado. O PMUS concrétase en 12 programas de actuación que se van desenvolver entre o 2022 e o 2029.

O proxecto do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Ames recolle a análise e o diagnóstico da situación actual de Ames no ámbito da mobilidade, así como tamén os diferentes programas de actuación a realizar e o plan de seguimento, ademais de incluír as suxestións presentadas no período de participación pública. Ademais, aínda que, o PMUS é un plan de mobilidade urbano, tamén é un documento para todos que tamén inclúe o rural pois intenta vertebrar a todo o concello cun plan de transporte urbano.

Potenciación do transporte público
Entre as propostas do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Ames está incluída a potenciación do transporte público, a través da adquisición dun vehículo eléctrico e a implantación dun servizo de autobús municipal.

Esta liña de transporte buscará pasar polo maior número de parroquias de Ames e núcleos urbanos, á vez que deberá conectar ambos núcleos urbanos entre si, acercando así á poboación aos puntos de interese (centros de saúde, comercios, zonas de ocio,…) e facilitar a conexión co transporte metropolitano, que maioritariamente pasa por Bertamiráns e O Milladoiro.

Para proceder á implantación deste servizo é preciso realizar un estudo de viabilidade de transporte de conexión interna no municipio de Ames. Na primeira fase deste estudo está contemplado a realización de enquisas á poboación para dispoñer da maior cantidade de datos para determinar a mobilidade actual nas zonas a tratar no Concello de Ames. Preme nesta ligazón para acceder á enquisa sobre o transporte urbano.

Obxectivo: conectar o rural cos núcleos urbanos
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que “unha das claves deste proxecto é o transporte urbano que conecte o rural cos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns. Para atender esta vella demanda das parroquias preténdese adquirir un vehículo eléctrico e maila implantación dun servizo de autobús municipal”.

Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O Plan de Mobilidade Urbana Sostible está incluído dentro do Obxectivo Temático 4 de Cambio climático, da EDUSI Impulsa Ames, dirixido a “Favorecer o paso a unha economía de baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores”. Concretamente enmárcase na liña de actuación número 4: programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público.