O Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Ames xa é unha realidade

Plan Impulsa Ames - EDUSI

O documento final do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no  marco do Programa Operativo   Plurirrexional de España 2014-2020, foi entregado o pasado luns, 16 de agosto de 2021, pola empresa encargada da súa redacción. No texto, incluíronse suxestións presentadas pola cidadanía no período de participación pública. Podes consultar o contido final do  PMUS a través da web www.pmusames.gal

O Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Ames foi entregado o luns, 16 de agosto do 2021, pola empresa encargada da súa redacción. No texto final recóllense a análise e o diagnóstico da situación actual de Ames no ámbito da mobilidade, así como tamén os diferentes programas de actuación a realizar e o plan de seguimento, ademais de incluír suxestións presentadas no período de participación pública finalizado o 9 de agosto.

Esta importante ferramenta de planificación estratéxica contempla unha serie de actuacións na contorna municipal como son: a creación dunha rede de itinerarios peonís, camiños escolares e mobilidade ciclista entre outros.

Coa entrega deste documento, culmínase un proceso de 6 meses de traballo, incluíndo traballos de campo, enquisas e análises das características e particularidades do concello para poder coñecer as necesidades de mobilidade dos habitantes, ademais da propia redacción do Plan.

O PMUS de Ames non podería realizarse sen a fundamental implicación da veciñanza, de xeito que o documento recolla as suxestións achegadas durante as diferentes fases de participación cidadá co propósito de conseguir un concello máis moderno e sustentable.

Sen dúbida, o PMUS é un instrumento de interese público que permitirá transformar a mobilidade no concello para mellorar a conectividade e a calidade de vida dos cidadáns.  Este estudo, promove os seguintes 12 programas de actuación en base ás principais necesidades de desprazamentos e mobilidade:

  1. Programa de mobilidade peonil
  2. Programa de mobilidade ciclista
  3. Programa de potenciación do transporte público.
  4. Programa de control e ordenación do tráfico e estrutura da rede viaria.
  5. Programa de xestión e regulación do Estacionamento.
  6. Programa Mellora Distribución Urbana de Mercadorías
  7. Programa de seguridade viaria.
  8. Programa de melloras de calidade ambiental e aforro enerxético.
  9. Programa de promoción de boas prácticas en mobilidade.
  10. Programa de desenvolvemento de tecnoloxías aplicadas á mobilidade
  11. Programa de integración da mobilidade nas políticas urbanísticas
  12. Programa de incentivos. Outras medidas de apoio á mobilidade

A cidadanía pode consultar para coñecer ao detalle, as principais accións que se van aplicar nas liñas de traballo derivadas dos estudos da mobilidade de cada zona do concello na web do proxecto www.pmusames.gal

O servizo de redacción do PMUS está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo  de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Concretamente, está incluído no Obxectivo Temático 4 de Cambio Climático, da  EDUSI Impulsa Ames, orientado a «Fomentar a transición cara a unha economía baixa en carbono en todos os sectores» e enmárcase na liña de actuación LA3 “Programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público”.