Os traballos gañadores do concurso de ideas de proxectos para a construción do Centro Multifuncional do Milladoiro estarán expostos na Casa da Cultura do Milladoiro

Plan Impulsa Ames - EDUSI

A Casa da Cultura do Milladoiro vai acoller dende hoxe 12 de xullo ata o o 31 de xullo de 2021 a exposición dos traballos que  foron os gañadores do concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción do Centro Multifuncional do Milladoiro.

O Centro Multifuncional do Milladoiro preséntase coma un edificio dedicado ao lecer, á cultura e á promoción económica dirixido á mocidade e ás persoas en proceso de inserción socio-laboral. O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, xunto ao parque empresarial e nas proximidades do instituto, a área de ocio, o albergue e a Igrexa do Milladoiro. Este proxecto enmárcase dentro da EDUSI Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Ten un orzamento total de 1.200.000 euros, dos cales 960.000 euros serán sufragados con fondos europeos e os 240.000 euros restantes serán fondos propios municipais.

O obxectivo que se pretende con esta actuación é poñer a disposición da mocidade un espazo de convivencia, de intercambio, colaboración e formación, así como crear un espazo que favoreza a inclusión social e laboral de colectivos con especiais dificultades para a inserción socio-laboral.

Concurso de ideas.

Para a construción de dito centro decidiuse realizar un concurso de ideas para a redacción do proxecto de construción conxuntamente co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG).
O xurado que estaba formado por persoal municipal e os arquitectos Alberto Redondo Porto e Luís Gil Pita, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que actúan como vogais; o arquitecto representante dos concursantes elixido por maioría que é Carlos Quintáns Eiras, e maila a arquitecta municipal do Concello de Ames tivo que valorar preto de 139 traballos.

O xurado tivo que valorar unhas 139 propostas que foron as que se presentaron a este concurso de ideas. Finalmente, a proposta gañadora obtivo un total de 91 puntos. A segunda mellor proposta obtivo 83 puntos e a terceira 73. Os dous accésits son para a cuarta mellor proposta que tivo 71 puntos e para a quinta mellor proposta que conseguiu 68 puntos.

Características do proxecto gañador.

O proxecto gañador ten como obxectivo xerar un espazo que vaia máis alá do concepto tradicional de centro cultural e xuvenil, para converterse nun centro dinámico, social e cultural para a veciñanza amesá. A proposta dispón de dous elementos fundamentais: por un lado un gran espazo público, que se desenvolve na totalidade da parcela, con espazos que poden albergan diferentes actividades ao aire libre; e por outro un edificio compacto e estratificado en catro plantas onde se van a desenvolver os usos propios do centro multidisciplinar.

A liberación do plano do chan permite a este edificio gañar altura e erixirse como un referente urbano, que busca ser un lugar de atracción e reunión para a veciñanza do Milladoiro e de todo Ames. No seu interior terá espazos moi versátiles e flexibles, definidos tan só polas súas cualidades ambientais (lumínicas, térmicas, visuais, etc). Estas cualidades varían ao longo dos tres estratos que compoñen o proxecto, ao igual que as súas condicións materiais.

O centro multidisciplinar divídese en tres estratos que forman catro plantas incluíndo a planta baixa da praza. En todas elas pódese atopar un elemento ou núcleo central que alberga de forma concentrada as instalacións, servizos e comunicacións verticais. Este núcleo, por razóns de necesidades de soleamento e vistas ao exterior situase na zona norte, deixando un espazo con respecto á fachada no que se atopan as escaleiras que comunican o segundo e terceiro estrato.

Dotación de espazos e equipamentos.

O centro dotarase dos espazos e equipamentos que sexan necesarios co obxectivo de dispor de instalacións adecuadas: recepción; oficina de información e asesoramento xuvenil; patio exterior; aulas de formación, espazos para talleres para a práctica laborais; espazos creativos; auditorio; sala de lectura; sala 4.0; salas de reunións; aseos; sala deportiva/baile; unha sala de ensaios musicais; etc.

Asimesmo, será un requisito que o espazo teña capacidade para albergar despachos ou salas de formación totalmente equipados para os colectivos máis desfavorecidos, de forma que os cursos de emprendemento ou talleres de emprego poidan levarse a cabo nestas instalacións.

Doutra banda, acondicionarase a contorna inmediata do centro, dotándoo de aparcadoiro, zonas verdes con árbores e espazos de descanso con iluminación e mobiliario urbano que permitan o seu uso nos meses de verán como área de lecer urbano.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.