Plan de implementación

Para abordar os retos económicos, ambientais, climáticos, sociais e demográficos aos que está a facer fronte Ames, e alcanzar os obxectivos presentados, propóñense as seguintes liñas de actuación que se condensan no plan de implementación da estratexia:

LA1. Programa de implantación progresiva da e-Administración e e-servizos

Obxectivo xeral

Aproveitar o potencial que ofrecen as  novas tecnoloxías para facilitar o acceso da cidadanía á Administración municipal e aos servizos públicos en igualdade de condicións, reducindo con iso tanto a fenda social, como xeográfica, económica e xeracional.

Actuacións
  • Desenvolvemento dunha auditoría electrónica para mellorar o uso e a calidade das TIC no Concello de Ames
  • Implantación de procedementos de e-Administración e e-servizos no Concello de Ames

LA2. Plan de aplicación das NTIC á xestión eficiente dos recursos e la prevención de riscos

Obxectivo xeral

Aproveitar o potencial que ofrecen as novas tecnoloxías para conseguir unha maior eficiencia na xestión dos recursos públicos.

Actuacións
  • Instalación de sensores: control da iluminación en infraestruturas e edificios públicos; detección temperá de inundacións na ribeira do río; control de aparcamento etc.
  • Posta en marcha dun sistema municipal de apps para móbil

LA3. Programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público

Obxectivo xeral

Facilitar a conexión permanente entre O Milladoiro e Bertamiráns a través do transporte público e destes cos demais núcleos do concello a través do transporte a demanda, para facilitar o acceso de toda a cidadanía aos servizos e aos equipamentos do municipio.

Actuacións

Elaboración do PMUS de Ames e implantación dun sistema de transporte municipal sustentable entre Bertamiráns e O Milladoiro e un sistema de transporte a demanda para conectar o rural cos principais núcleos do concello de Ames

LA4. Programa de creación dunha rede de sendeiros escolares, deportivos e recreativos que favorezan a conectividade a pé e en bicicleta

Obxectivo xeral

Crear alternativas de desprazamento peonil ou en bicicleta, evitando o uso obrigado de coche para as actividades da vida diaria, tales como o acceso aos colexios, e que, á súa vez favorezan a conectividade entre os núcleos de poboación.

Actuacións

Dotación de conexión peonil e en bicicleta entre os centros escolares e o centro dos núcleos urbanos do Concello de Ames (Bertamiráns e O Milladoiro)

  • CEIP A Mahía e IES Ames co parque do Ameneiral en Bertamiráns
  • CEIP Agro do Muiño co centro de Bertamiráns
  • CEP de Ventín co Centro de Saúde e o IES do Milladoiro

LA6. Programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos

Obxectivo xeral

Dotar o municipio dunha iluminación pública eficiente e de calidade, así como mellorar a xestión enerxética dos edificios públicos.

Actuacións
  • Auditoría enerxética e mellora dos índices de consumo de enerxía nos edificios públicos do Concello de Ames
  • Mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías públicas do municipio de Ames

LA8. Programa para a revitalización e a valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio

Obxectivo xeral

Incrementar o número de zonas verdes e espazos públicos de calidade en Ames e O Milladoiro

Actuacións
  • Eliminación de barreiras urbanas no Milladorio e Bertamiráns, tanto en prazas e xardíns como nas beirarrúas, facéndoas accesibles para todo tipo de persoas de mobilidade reducida
  • Creación dunha zona verde no centro do Milladoiro, que permita pivotar sobre ela unha área de vertebración do núcleo urbano
  • Actuación no centro de Bertamiráns para crear unha zona central que faga de eixe vertebrador a todo o núcleo urbano, peonalizando rúas e favorecendo a creación dun espazo cidadán entre a Casa Consistorial, o Pazo da Peregrina e o Parque do Ameneiral, que favoreza o paseo e as actividades comerciais e de lecer sen o uso do automóbil

LA10.creación dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica

Obxectivo xeral

Crear unha oferta de servizos e equipamentos que se axusten aos intereses e ás necesidades da poboación nova e gerar dinamismo económico que permita xestar e manter postos de traballo.

Actuacións

Construción, con criterios de eficiencia enerxética, dun centro multidisciplinar de lecer, cultura e promoción económica dirixido á xente nova e ás persoas en risco de exclusión social. O centro construirase no Milladoiro, na avenida Muíño Vello, ao lado do parque empresarial e nas proximidades do instituto, a zona de lecer, o albergue e a igrexa.
Este centro debe entenderse como un espazo multidisciplinar para a convivencia, o intercambio, a colaboración, a formación e o desenvolvemento dunha cultura emprendedora e asociativa.
Ademais, o centro tamén se utilizará como espazo de reunión para diferentes grupos de amesáns (ANPAS, asociacións culturais, grupos desfavorecidos, grupos de música ou asociacións deportivas).

LA11. Programa piloto de unidades habitacionais de interese social

Obxectivo xeral

Proporcionarlles unha solución de vivenda de transición ás persoas do municipio que se encontran en risco de exclusión e en situación de carencia de aloxamento.

Actuacións

Intervención piloto de rehabilitación e reforma, con criterios de eficiencia enerxética dunha estancia, situada nun dos núcleos do municipio, coa finalidade de poder ofrecer unha solución de aloxamento temporal para as persoas en situación de vulnerabilidade.

LA12. Programa de dinamización e modernización comercial e emprendemento

Obxectivo xeral

Desenvolver en Ames un comercio de proximidade forte, de calidade, moderno e competitivo, que atraia maior consumo e anime as persoas residentes a consumir no municipio, e sexa capaz de manter e xerar emprego e autoemprego.

Actuacións

Fomento do emprego e o emprendemento:

  • Asesoramento personalizado e multidisciplinar ao comercio de proximidade de Ames
  • Accións de dinamización comercial, de lecer e tempo libre, culturais e, en xeral, todas as actividades que permitan atraer poboación aos espazos urbanos de Ames
  • Accións formativas e de demostración aos comerciantes de Ames en materia de innovación comercial
  • Accións de promoción do comercio polo miúdo e das zonas comerciais urbanas de Ames
  • Etc.

LA13. Programa Ames emprega e integra

Obxectivo xeral

Incrementar o índice de inserción laboral e social no municipio como requisito imprescindible para poder fixar poboación nel.

Actuacións

Programa de inserción de colectivos desfavorecidos: dotar as persoas, especialmente poboación feminina e inmigrante, en situación de desemprego, en busca de primeiro emprego ou en procesos de mellora de emprego, das competencias transversais/horizontais necesarias para poder consolidarse no mercado laboral, cunha maior orientación ás competencias en materia de tecnoloxías da información e a comunicación, sen ser exclusivas.