Preséntase o programa Ames Emprega e Integra dirixido a colectivos desfavorecidos

Plan Impulsa Ames - EDUSI

Esta mañá presentouse no salón de plenos da Casa do Concello o programa Ames Emprega e Integra. Trátase dun programa de inserción laboral para colectivos desfavorecidos do concello de Ames que estará cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE), financiado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER). Dito programa está previsto que se execute ao longo de seis meses, entre xuño e novembro deste ano. As inscricións pódense realizar chamando ao número de teléfono 674 594 843, enviando un correo electrónico ao enderezo ames.integra.emprega@gmail.com ou a través da páxina web de Ames Integra e Emprega. O contrato de xestión e apoio técnico para desenvolver dito programa foi adxudicado á empresa Rafer SL por un importe de 74.572,13 euros (IVE incluído).

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos que se vai executar é o programa Ames Emprega e Integra, que está dirixido a colectivos desfavorecidos do concello de Ames. Un dos ámbitos prioritarios de intervención do Concello de Ames é poñer en marcha actuacións en materia de prevención, detección e intervención da exclusión social.

Neste senso, o Concello de Ames decide poñer en marcha un programa de inserción laboral que responda ás actuais demandas sociais de dar cobertura a unha oferta formativa que incremente o índice de inserción laboral e social no municipio, como requisito imprescindible para poder fixar poboación no mesmo, axustándose aos intereses e necesidades dos colectivos ao que se dirixe e fomentando a cohesión social, a loita efectiva contra a discriminación e a erradicación da pobreza.

O programa de inserción laboral deriva dun estudo previo onde se determinan os colectivos desfavorecidos prioritarios, así como as súas demandas específicas de formación, acompañamento e práctica laboral, sendo unha das liñas de actuación con maior e máis inmediato efecto na reinserción laboral e que precisa dunha atención diferenciada das actuacións que en materia de políticas activa de emprego xa emprende o Concello.

Presentación do programa
Esta mañá realizouse a presentación do programa no salón de plenos da Casa do Concello. Os/as encargados de facer a presentación foron Juan Carlos Carreja, axente de desenvolvemento local e técnico responsable da xestión da EDUSI Impulsa Ames, así como María Lloves e Pablo Bello, técnicos municipais de inserción. A dito acto asistiron o alcalde, Blas García, a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Ana Belén Paz, e outros/as concelleiros/as do goberno municipal.

Antes da presentación realizouse unha xuntanza de traballo na que participaron técnicos e responsables municipais, xunto con persoal da empresa Rafer, que é a adxudicataria do servizo de xestión e apoio técnico para desenvolver dito programa. Tamén participou persoal das entidades Fundación Secretariado Gitano, Cáritas Milladoiro, Plataforma polo Emprego e Cruz Vermella Santiago, co obxectivo de colaborar na difusión e inscrición dos usuarios e usuarias do programa.

O obxectivo de dita iniciativa é a inserción laboral das persoas participantes ou a mellora da sua empregabilidade. Levarase a cabo mediante a execución dun programa de inserción laboral derivado dun estudio realizado previamente que determinou os colectivos desfavorecidos e as súas demandas específicas de formación, acompañamento e practica laboral.

O programa está dirixido a persoas mozas (menores de 30 anos), con particular atención a aqueles con déficit de formación, mulleres, parados de longa duración, maiores de 45 anos, persoas con responsabilidades familiares, persoas con discapacidade, persoas en situación de exclusión social e persoas inmigrantes. Para participar é necesario residir no concello de Ames, ser demandante de emprego e estar nunha situación de busca activa de emprego.

O programa terá como ámbito territorial a totalidade do concello de Ames, priorizando os núcleos poboacionais do Milladoiro e de Bertamiráns como eixos presenciais do programa. As actividades do programa darán comezo coa captación de participantes ao longo do mes de maio e desenvolverase ata novembro deste ano. Para a captación de participantes farase un acto público a finais de maio ou comezos do mes de xuño.

Actividades a executar
1.- Orientación e asesoramento individualizado para a inserción socio laboral: itinerario formativo a realizar en función do perfil individual co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas participantes.

2.- Formación transversal: preparar as persoas participantes en habilidades socio laborais e no proceso de busca de emprego, tanto por conta allea como por conta propia. Tamén se proporcionara as persoas que o necesiten unha formación básica en galego, competencias clave e preparación das probas da ESO.

3.- Formación sectorial: inclúense accións formativas e prácticas non laborais nos sectores nos que se detectaron maiores oportunidades de crecemento e creación de emprego. Colaboración co tecido empresarial do concello para buscar acordos para a realización de prácticas e a intermediación laboral.

4.-Plataforma de formación ocupacional en liña: que incluirá un catalogo de accións formativas que conte con, polo menos, 13 familias profesionais (as determinadas no programa) e un mínimo de 10 cursos de cada familia.

5.- Intermediación / prospección: para a procura de ofertas de emprego acordes ao perfil das persoas participantes, así como para a colaboración do tecido empresarial para a realización das prácticas.

6.- Evento final de presentación de resultados.

As accións do programa executaranse nas instalacións do centro coworking A Proa (O Milladoiro), Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (Aldea Nova), no Pazo da Peregrina (Bertamiráns) e noutros espazos municipais.

Procedemento para inscribirse
As inscricións pódense realizar chamando ao número de teléfono 674 594 843, enviando un correo electrónico ao enderezo ames.integra.emprega@gmail.com ou a través da páxina web de Ames Integra e Emprega.

A estratexia proposta co programa de inserción laboral de colectivos desfavorecidos no concello de Ames pon o foco de atención na necesidade de dotar ás persoas, especialmente poboación feminina e inmigrante, mocidade sen cualificación, e parados de longa duración en situación de desemprego, en procura de primeiro emprego ou en procesos de mellora de emprego, das competencias transversais/horizontais e competencias profesionais necesarias para poder consolidarse no mercado laboral, atendendo ás competencias en materia de tecnoloxías da información e comunicación.

Resultados que se pretenden alcanzar
Os resultados esperados que se pretenden alcanzar co presente servizo son:
• Integración social e laboral de persoas desempregadas, con especial atención a inmigrantes, mulleres e poboación moza.
• Incremento do índice de inserción laboral e social no municipio como requisito imprescindible para poder fixar poboación no mesmo.
• Fomento da competitividade e inclusión social, así como da igualdade entre homes e mulleres.

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.