Execútase o proxecto de mellora da accesibilidade no Milladoiro e Bertamiráns incluído no Plan Impulsa Ames cofinanciado con fondos europeos do FEDER

Plan Impulsa Ames - EDUSI
O Concello de Ames está executando as obras de eliminación de barreiras e mellora da accesibilidade en Bertamiráns e no Milladoiro. Este proxecto enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. No caso de Bertamiráns, os traballos foron adxudicados á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL) por un importe de 69.820 euros. Con respecto ao Milladoiro, as obras son executadas pola empresa Construcciones Iglesias Mera SL e contan cun presuposto de 10.807,45 euros. O proxecto ten un orzamento total de 80.627,45 euros.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se está executando é a eliminación de barreiras e mellora da accesibilidade en Bertamiráns e no Milladoiro. Este proxecto está incluído dentro do Obxectivo Temático 6 da EDUSI denominado Programa para a revitalización e valoración urbana dos núcleos de centralidade do municipio de Ames.

Para o desenvolvemento das actuacións de accesibilidade que se executan, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, tense en conta o Plan Integral de Accesibilidade de Ames, no que se indican como incumprimentos xeralizados a resolver a ausencia de vaos peonís adecuados en determinados cruces, a existencia de pavimentos inadecuados, a carencia de varandas de apoio en escaleiras e desniveis, e a inexistencia de sinalización de pasos de peóns en determinados cruces.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo concelleiro de Obras, Blas García, estiveron comprobando no Milladoiro o avance de ditas obras. Para o rexedor municipal “é prioritario poder avanzar no Plan Impulsa Ames e na liña de accesibilidade, que complementa as outras actuacións realizadas ao longo destes anos e que están a adaptar os edificios municipais así como as rúas de Ames”.

Eliminación de barreiras nas avenidas da Maía e Rosalía de Castro
As obras de eliminación de barreiras en materia de accesibilidade universal no espazo público urbanizado de Bertamiráns afecta a diferentes tramos da avenida da Maía e cruces puntuais desta vía coa avenida da Peregrina, a travesía da Peregrina, e as rúas Rueiro, Alcalde Lorenzo, praza do Concello, da Fragua, do Pedregal, Fontaldeiro e Poeta da Maía. Actualmente estase traballando no cruce da avenida da Maía coa rúa Poeta da Maía.

No Milladoiro, as obras atinxen a varios vaos puntuais da avenida Rosalía de Castro e os seus cruces coas rúas da Moa e Cruxa. En ambos casos, a actuación trata de resolver de xeito accesible a continuidade peonil da que carecen estas rúas, para que todas as persoas poidan utilizar o espazo público, con independencia da súa condición e o seu nivel de mobilidade. No Milladoiro estase traballando no cruce da avenida de Rosalía de Catro coa rúa da Cruxa e xa se executaron as obras no paso de peóns de avenida de Rosalía de Catro á altura da intersección coa rúa da Moa por un lado e por outro coa rúa Agro do Medio.

Así, con carácter xeral, resolveranse vaos que non estaban adaptados correctamente e supoñían unha barreira para usuarios/as de mobilidade reducida ou usuarios/as de cadeiras de rodas ou con problemas de visión. Nalgúns casos, créanse vaos e pasos de peóns novos. Asemade, adáptase o mobiliario urbano existente ou substitúese por elementos adaptados, cunha actuación nos casos de adaptación, reconstrución e redefinición de vaos existentes fóra de normativa; despintado, repintado e axustado de novos pasos de peóns incluídos; e ensanchamento de beirarrúas nalgúns casos para poder aloxar axeitadamente os novos vaos de peóns e posuír percorridos adaptados.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, indica que “con estas obras pretendemos continuar a accesibilidade do noso concello, e seguir co proxecto e a planificación iniciada no mandato anterior no que se realizaron varias obras, entre as que destacan a adaptación de edificios públicos, a rúa Agro do Medio, a praza da Maía, o novo parque adaptado do Milladoiro, etc.”.

Adaptación da mobilidade peonil
O obxectivo final da mellora, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, é posuír un itinerario peonil adaptado na proximidade dos edificios a resolver, para o que se determinan diferentes actuacións: a eliminación de vaos existentes mal definidos, mal ubicados ou sen vao oposto no cruce; a execución de vaos novos en novas ubicacións incluíndo o pintado de pasos de peóns novos; a execución de novo alcorque adaptado e reubicación de arborado nalgúns casos onde se modifica a posición do alcorque; e a dotación de papeleiras adaptadas nas posicións ou ubicacións definidas no proxecto.

Tamén se van reubicar as sinais de tráfico ou informativas á posición próxima que non estorbe ou ocupe espazo destinado a vao peonil; a colocación de novas sinais por estimarse necesarias como sinal de aparcamento adaptado SIA ou de sinalización de paso de peóns ou de tráfico específica; a reubicación e recrecido de sumidoiro existente en espazo de cruce peonil existente; a colocación de novos sumidoiros ou reixas de recollida de augas pluviais; e a adaptación e reparación de pavimentos peonís.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: “O Milladoiro y Bertamiráns, en obras para eliminar barreras arquitectónicas”

Compostela 24 horas: “Execútase o proxecto de mellora da accesibilidade no Milladoiro e Bertamiráns”

El Correo Gallego: Bertamiráns e O Milladoiro eliminan barreiras urbanas”