A exposición sobre as principais actuacións da EDUSI Impulsa Ames estará no Milladoiro ata finais de mes

Plan Impulsa Ames - EDUSI

Esta mañá inaugurouse na Travesía do Porto, no Milladoiro, unha exposición sobre as sete actuacións máis importantes executadas a través da EDUSI Impulsa Ames que remata a finais deste mes de decembro. Ditas actuacións están cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Esta mostra xa estivo exposta en Bertamiráns do 5 ao 11 de decembro. Dende hoxe está instalala na Travesía do Porto, en fronte ao acceso ao parque verde central. O obxectivo da exposición é que a veciñanza coñeza os proxectos que se executaron con cargo a estes fondos europeos. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo resumo sobre as sete actuacións máis importantes da EDUSI Impulsa Ames.

Esta mañá realizouse o último acto de comunicación ligado á EDUSI Impulsa Ames. Deste xeito, o alcalde de Ames, Blas Garcia; a concelleira responsable das Unidades de Execución, Susana Señorís; e mailo técnico municipal que se encargou da coordinación da Unidade de Xestión, Juan Carlos Carreja; foron os encargados de inaugurar no Milladoiro a exposición sobre as principais actuacións da EDUSI Impulsa Ames. En dito acto tamén participaron os concelleiros do grupo de goberno: Victor Fernández, Gustavo Nieto e Javier Antelo. Do grupo municipal do Partido Popular asistiron Oliva Agra, Pablo Beiroa e José Ramón Oulego, mentres que do grupo municipal do BNG asistiron Escarlata Pampín e Rosalía Seijas.

A concelleira responsable das Unidades de Execución, Susana Señorís, explicou que “estes oito totems que conforman a exposición permanecerán aquí ata finais deste mes de decembro para que os veciños e as veciñas do Milladoiro poidan visualizar os sete proxectos principais acometidos ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames. Unhas grandes liñas que foron concebidas para transformar o noso concello e para mellorar a vida da nosa veciñanza, e que nos obrigan a remontarnos polo menos oito anos atrás”.

Susana Señorís engadiu que “no Milladoiro realizáronse actuacións importantes como a recuperación de espazos verdes para o uso e desfrute da veciñanza. Deste xeito, creouse unha nova zona de percorridos ambientais na zona sur da localidade e mellorouse o parque verde que está situado xunto á área de instalacións deportivas, Casa da Cultura e instituto. Outras actuacións executadas nesta localidade foron o carreiro escolar que une a través dunha senda peonil a zona urbana do Milladoiro co CEP de Ventín; e o centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, que se atopa en fase de execución”.

O alcalde de Ames, Blas García, recordou que “nesta EDUSI levamos moitos meses traballando e houbo certos atrancos e inconvenientes, pero o realmente importante é que se puideron executar proxectos importantes como foron os carreiros escolares do Milladoiro e Bertamiráns; a recuperación de zonas verdes no Milladoiro; e a améndoa central de Bertamiráns; entre outros. O importante é que estes proxectos van a mellorar a vida dos veciños e veciñas de Ames. A EDUSI deseñouse pensando en mellorar a calidade de vida da veciñanza e tamén para axudar ás empresas e establecementos comerciais para que poidan ter unha mellor actividade económica. Estamos convencidos de que temos que poñer as cidades e mailos núcleos urbanos a disposición das persoas”.

Por último, o rexedor municipal incidiu “na importancia dunha actuación que igual é menos vistosa que outra pero que resulta fundamental como foi o programa Ames Emprega e Integra. Creo que temos que seguir traballando nesa liña axudando ás persoas que o necesitan, facendo cursos de formación e integración. Participaron preto de 600 persoas, algunhas delas saíron do programa cun posto de traballo e outras formadas para poder acceder ao mercado laboral”.

Exposición sobre as actuacións da EDUSI Impulsa Ames
Dita exposición recolle o antes e despois das sete actuacións máis importantes executadas a través da EDUSI Impulsa Ames, que comezou en 2017 e remata a finais deste mes de decembro. Son sete actuacións principais, que van desde a humanización de espazos, ata a formación e integración laboral da veciñanza que o precisaba, pasando polo fomento de hábitos de vida saudables ou a redución dos riscos de inundacións. É dicir, todo un catálogo de boas prácticas e de melloras centradas nun propósito común: o benestar da veciñanza de Ames.

No Milladoiro recuperáronse espazos verdes para o uso e desfrute da veciñanza. Deste xeito, creouse unha nova zona de percorridos ambientais na zona sur da localidade co obxectivo de que sexan aproveitados tanto para facer deporte coma para andar e pasear por un entorno natural. Creáronse dúas rutas: unha circular (na que se executaron obras de drenaxe para consolidar o firme da senda proxectada e o correcto encanamento das augas de escorrentía existentes nesa zona) e outra que discorre cara os depósitos municipais de auga do Milladoiro (utilizando camiños granulares existentes e mellorados que chegan ata os depósitos municipais de auga). Outras actuacións executadas foron a colocación de alumeado público sostible, tanto para a praza de acollida como nos novos percorridos ambientais. Tamén se colocaron carteis informativos explicativos de todas as rutas.

Este proxecto súmase ao executado na zona norte do Milladoiro onde se mellorou o parque verde que está situado xunto á área de instalacións deportivas, Casa da Cultura e IES. Deste xeito, creouse medio quilómetro de novas sendas peonís; acondicionáronse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalouse un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias; 2 mesas de tenis de mesa; un novo mobiliario urbano (8 bancos e mesas), 14 papeleiras e 2 fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantou nova vexetación, 35 carballos, 9 abeleiras e enredadeiras en 9.500 metros cadrados.

Ademais, está en fase de execución a construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, que estará situado na avenida do Muíño Vello, na zona norte do Milladoiro.

Por outra banda, os hábitos saudables están tamén detrás dos obxectivos dos carreiros escolares do Milladoiro e de Bertamiráns. Que os cativos e os mozos vaian a pé ou en bicicleta á escola é un dos retos da Organización Mundial da Saúde. Está demostrado que ese hábito tan sinxelo favorece a súa autonomía e independencia, as súas relacións, e a súa saúde cardiovascular e mental. Reduce a contaminación e os atascos en hora punta. E dende a apertura destas novas rutas seguras, as familias poden estar tranquilas mentres os seus fillos e fillas acoden aos seus centros de estudo cada día, a calquera hora.

En Bertamiráns, un dos cambios máis visibles e que máis beneficios pode aportar á veciñanza, é a nova Améndoa central, unha actuación que permitiu mellorar a conexión de prazas, rúas e zonas verdes, sen necesidade de prohibir o tráfico rodado, pero priorizando sempre o protagonismo dos peóns e dos ciclistas. A través de dita actuación mellorouse a comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes, contribuíndo á dinamización da economía e do comercio local. Actuouse en seis rúas e dúas prazas en tres fases distintas de execución. Converteuse o centro urbano de Bertamiráns no eixe vertebrador da vila, sen prohibir o tráfico rodado, e dándolle prioridade ás persoas para favorecer que os percorridos cotiáns se realicen a pé.

Por outra banda, especialmente no inverno, cando tarda en amencer e os días son máis curtos pola tarde, a substitución de lámpadas LED en Bertamiráns non só permite contaminar menos e aforrar milleiros de euros ao ano ás arcas do Concello, senón que mellora tamén a saúde e o descanso da xente ao minimizar a contaminación lumínica e, ademais, optimiza a seguridade viaria. En total, substituíronse arredor de 1.000 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegan un fluxo luminoso similar. Nalgunhas aproveitouse a luminaria e instalouse retrofit. Tamén se cambiaron 210 soportes por outros de máis altura.

Ademais, a veciñanza de Bertamiráns lémbrase das enchentes constantes que padecían cando as chuvias eran intensas. As obras de canalización e do paseo fluvial aliviaron eses episodios, pero coa nova Estación de Aforo que se instalou no Rego dos Pasos poderase anticipar e detectar en tempo real calquera suba de caudal que se produza, e actuar con rapidez e eficacia. Dun lado colocouse un panel solar fotovoltaico e mailo armario de control do sistema, e doutro lado está o nivel de medición do caudal e maila sonda de nivel. É un sistema de prevención de inundacións que proporciona unha alerta en zona de risco de enchentes. En caso de alerta actívase o plan de emerxencias municipal.

Por último, hai que destacar tamén a relevancia dunha actuación como o Plan Ames Integra e Emprega, do que se beneficiaron máis de 580 alumnos e alumnas, que puideron formarse para ter máis posibilidades de atopar un posto de traballo. De xullo a novembro impartíronse un total de 13 cursos de formación sectorial, pensados para incrementar o índice de inserción laboral e social no municipio. Do total de 580 participantes do programa (máis do 75% foron mulleres), a maior parte realizaron un itinerario de inserción laboral, mentres que 204 persoas participaron en accións de formación.