13 Mar Adxudícanse as obras de adecuación e instalación do alumeado público no sendeiro que une Bertamiráns con Agro do Muíño
A localización dos colexios do concello de Ames na malla de camiños tradicionais de carácter rural que conforman o territorio e, por conseguinte, fóra dos núcleos principais do concello (O Milladoiro e Bertamiráns), preséntase como unha oportunidade para xerar novas vías de conectividade peonil e ciclable entre os núcleos menos densos do municipio que se achan en torno ao trazado dos camiños e os dous núcleos principais.
En concreto, a través do presente contrato procederase ao acondicionamento do carreiro que une o CEIP Agro do Muíño co centro de Bertamiráns, dotándoo de infraestruturas de iluminación que permita o acceso a pé e en bicicleta. Así, ao dar cobertura á necesidade de facilitar un modo alternativo ao vehículo de motor particular para acceder aos colexios do municipio, tamén se está liquidando a necesidade de dotar de maior conectividade aos núcleos do municipio entre si.
Os resultados esperados que se pretenden alcanzar coa operación son:
-Impulso e mellora da mobilidade sostible.
-Mellora da conexión entre as zonas escolares e os centros urbanos.
-Mellora da accesibilidade.
-Redución da pegada de carbono e das emisións de GEI do concello.
-Redución do uso do vehículo particular.
-Contribución á igualdade de oportunidades.
-Mellora na xestión do tráfico rodado.
O contrato de adecuación e instalación do alumeado público no sendeiro entre Bertamiráns e mailo CEIP Agro do Muíño ten encaixe na liña A4, “Programa de creación dunha rede de carreiros escolares, deportivos e recreativos que favorezan a conectividade a pé e ciclable”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirrexional de España – FEDER, axustándose ás categorías de intervención ás que haberá que atribuír o gasto da operación.
Características do contrato
Continuando coas actuacións que se están levando a cabo para favorecer a mobilidade entre as diferentes zonas do concello de Ames, contémplase a adecuación e instalación da iluminación pública dunha senda peonil que une o CEIP Agro do Muíño co núcleo urbano de Bertamiráns e que dispoñerá dunha senda ciclista paralela á senda peonil existente como se recolle nos planos do proxecto. Por iso, é necesario dotar á senda dunha iluminación adecuada para a súa utilización en condicións de seguridade.
A través desta actuación levarase a cabo unha instalación de iluminación exterior, co obxectivo de cumprir coas prescricións do Regulamento de eficiencia enerxética en instalación de iluminación exterior e do Regulamento electrotécnico de Baixa Tensión. En concreto, instalaranse 31 luminarias LED para a iluminación viaria na estrada de A Condomiña ata Agro do Muíño, coas correspondentes columnas, brazos e caixas de derivación.
A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: “Ames adjudica el alumbrado de la senda entre Bertamiráns y Agro do Muíño”
El Correo Gallego: “Iluminación y senda ciclista para la vía de Bertamiráns a Agro do Muíño“