21 Set Preséntase o proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns
O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos que está adxudicado e que comezará a executarse proximamente é o proxecto de renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns. Para dar a coñecer dita actuación entre a veciñanza e mailas asociacións do concello, vaise a presentar este proxecto nun acto público que terá lugar este xoves, 22 de setembro, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina.
No acto intervirán a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Susana Señorís, o redactor do proxecto da empresa Giga Soluciones, Pedro Antes, e mailo alcalde de Ames, Blas García. As persoas que acudan a dito evento recibirán un USB de 8GB, con forma de bombilla, que forma parte das accións de comunicación que hai que realizar sobre dito proxecto.
O Concello de Ames considera necesaria unha reforma integral, que actualice as instalacións existentes e incremente a eficiencia enerxética das mesmas, permitíndolle ao Concello optimizar os recursos, tanto económicos como humanos, dedicados ás mesmas. En concreto, as actuacións previstas pódense clasificar en dous grupos: substitución de luminarias por outras con tecnoloxía LED e reforma da instalación eléctrica.
Actualmente os 940 puntos de luz sobre os que se actuará son luminarias con lámpadas de vapor de sodio alta presión, LED, haloxenuros metálicos e vapor de mercurio e potencias de 250 W, 150 W, 125 W, 80 W e 50 W que non cumpren co regulamento de eficiencia enerxética nas instalacións de iluminación exterior, e os centros de mando dos que se alimentan atópanse nun estado de conservación deficiente, non cumprindo co regulamento electrotécnico de baixa tensión (REBT). Así mesmo, a cualificación enerxética das distintas instalacións é deficiente, non alcanzando en ningún caso o nivel A.
Resultados que se agardan
Os resultados esperados que se pretenden alcanzar coa operación son:
• A mellora da eficiencia enerxética.
• A redución da contaminación lumínica.
• A redución do consumo de enerxía final en infraestruturas públicas.
• A implantación de solucións integradas en eficiencia enerxética.
• A redución anual de gases efecto invernadoiro (GEI).
O contrato “Renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns” ten encaixe na liña A6, “Programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirrexional de España – FEDER, axustándose ás categorías de intervención ás que haberá que atribuír o gasto da operación.
Características do contrato
A actuación principal é a substitución de 940 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. As novas luminarias dispoñerán de driver pre-programado para redución de fluxo de maneira automática de forma temporizada unha vez activada a orde de aceso das instalacións.
Ademais, levarase a cabo a reforma dun cadro de mando e a instalación de 6 novos. Esta actuación contribuirá a reducir o consumo enerxético do municipio, buscando a eficiencia na xestión enerxética das infraestruturas e equipamentos públicos.
A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: “Presentan o proxecto para iluminar a capital da Maía“